Deputación de Lugo

Os produtos do mar, ingrediente principal da segunda xornada do Showcooking Cocina Autóctona da Deputación

- O obradoiro, ao que asistirá o Deputado de Goberno Interior, celebrarase no restaurante monfortino O Grelo co xefe de cociña deste local hoteleiro aos fogóns - A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02, pretende mostralles aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade” a través de xornadas de cociña gratuítas, que se alongarán durante os meses de xaneiro e febreiro

A Deputación de Lugo celebrará esta tarde en Monforte de Lemos a segunda xornada do Showcooking Cocina Autóctona, o novo proxecto posto en marcha polo organismo provincial que busca potenciar a comercialización e o consumo dos productos propios da provincia luguesa, ao tempo que favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico.

Nesta ocasión, a cita terá lugar no restaurante monfortivo O Grelo co xefe de cociña deste local aos fogóns, Martín Mantilla; quen se encargará de desvelarlle aos participantes as técnicas que aprendeu durante a súa ampla experiencia en locais de Lugo, Ribeira, Monforte e Lanzarote. No obradoiro elaborarán pratos cos produtos do mar como ingrediente principal, como grelo maki de polbo con caviar de soja, merluza de pincho rechea de algas con langostinos e lamprea frita con risotto. De postre, Mantilla optará pola elaboración de canelóns de membrillo con queixo do Cebreiro e todo elo acompañado de bebidas da bodega propia do restaurante, a Adega Don Bernardino.

O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ánguel Sotuela, participará nesta iniciativa que pretende mostrarlle aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se tratará de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos productos autóctonos de cada zona para impulsar o sector. Nas clases, que terán lugar durante os meses de xaneiro e febreiro, cociñeiros de gran prestixio impartirán por toda a provincia 12 obradoiros prácticos, nos que os participantes empregarán produtos autóctonos, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com