Deputación de Lugo

Pechada ao tráfico a estrada provincial 4501 no Courel por acumulación de 3 metros de neve

- Arestora segue a nevar e é imposible a entrada de calquera vehículo, mesmo dos quitaneves, a partires do quilómetro 9 - O organismo provincial situou na zona sinais de aviso e de ruta alternativa, e informou á Subdelegación do Goberno en Lugo da situación desta vía - 70 operarios e 40 máquinas continúan a despexar as estradas dos Concellos afectados polo temporal, que son, principalmente, 15 da Montaña e do Sur lugués

A Deputación viuse na obriga de pechar ao tráfico a estrada LU-P-4501, no Concello de Folgoso do Courel, pola grande cantidade de neve acumulada, que xa acada os 3 metros de altura, e que segue a caer arestora. Isto impide a circulación de calquera vehículo, mesmo a entrada das quitaneves, a partires do quilómetro 9. O organismo provincial situou na zona sinais de aviso e de ruta alternativa. Tamén informou da situación da vía á Subdelegación do Goberno en Lugo.   

70 operarios e 40 máquinas continúan a despexar as estradas provincias de todos os Concellos afectados polo temporal. Actúan, principalmente, en Baleira, Folgoso do Courel, Cervantes, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Taboada e Triacastela.