Deputación de Lugo

A Deputación inviste 174.000 euros na mellora das comunicacións viarias de Alfoz

- Lara Méndez presentou este mércores o proxecto de obras na LU-P-0202 e LU-P-0210 que aprobará este mes a Xunta de Goberno Provincial e se comezará a executar en abril- Son dúas estradas que están unidas, que vertebran Alfoz e que fan de principal acceso viario ao aserradeiro, á gardería municipal ou ao Concello de Foz- Discorren por Seara, Carballido e O Castro, sendo empregadas a diario polos 800 habitantes destas parroquias, así como por uns 200 camións

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, avanzou este mércores en Alfoz un novo investimento da Deputación en mellora das comunicacións viarias deste municipio, que responde ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos. Lara Méndez adiantou que este mesmo mes a Xunta de Goberno Provincial aprobará obras de mellora por valor de 174.000 euros nas estradas LU-P-0202 e LU-P-0210, que se porán en marcha en abril.

Trátanse de dúas vías que están unidas, que vertebran o Concello de Alfoz e que fan de principal acceso ao aserradeiro ou á gardería municipal, ademais de seren as estradas máis empregadas para ir dende este municipio ata o de Foz. Rexistran abundante tráfico, chegando a transcorrer ata 200 camións ao día. Discorren polas parroquias de Seara, Carballido e O Castro, polo que os 800 habitantes destas localidades as empregan a cotío.

Lara Méndez presentou hoxe o proxecto de obras destas vías, que redactou a Deputación e que aprobará este mes a Xunta de Goberno Provincial xunto ao inicio do proceso de contratación; e avanzou as actuacións que contempla e que arrancarán en abril. Trátanse da mellora do firme con aglomerado en quente e da sinalización horizontal e vertical, ademais da limpeza de cunetas. Actuarase en máis de 2 quilómetros e en dous treitos. Estes son: na LU-P-0202, de San Acisclo a Oiras, dende o punto quilométrico 3,650 ao 5,050; na LU-P-0210, de San Acisclo, por Allegue , con San Antonio, dende o 3,270 ao 3,910.

A Vicepresidenta, que estivo acompañada polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, tamén supervisou a estrada LU-P-0207, onde a Deputación estuda levar a cabo melloras ao seu paso por O Pereiro.

Máis actuacións
A través do Plan de Rebacheo que está en marcha na rede viaria provincial, a Deputación supervisará os 59 quilómetros de estradas provincias de Alfoz e acondiconará con rego asfáltico todos os puntos que o necesiten. Faino logo de investir 300.000 euros nas últimas anualidades en tarefas de mantemento. O organismo provincial tamén mellorou con aglomerado en quente máis de 4 quilómetros das seguintes vías provinciais deste municipio: LU-P-0204, de Carrocid, por Arnela, a Tremoal; LU-P-0206, de San Antonio, por Vilaude, á Grela, e a LU-P-0207 de Reirado á Cancela de Mel. Mediante o Plan de Obras e Servizo 2015, a Deputación financia con 14.000 euros a rexeneración do pavimento no camiño de acceso a Galea, que é municipal.