Deputación de Lugo

Lara Méndez: “Feijóo volve a mentir sobre Hemodinámica. Quere condenarnos a morrer”

Imaxe deputación de lugo
- A Vicepresidenta subliñou que, ao contrario do que dixo o Presidente da Xunta, “Pontevedra si ten este servizo no hospital de Vigo, e Ourense dispón del dende hai 7 anos grazas a unha Conselleira socialista” - “Feijóo non quere darlle solución a este problema, nin quere que lla deamos outros. Seguiremos loitando para que os lucenses teñamos Hemodinámica as 24 horas. Só salvando unha vida creo que vale a pena poñer en marcha este servizo”, asegurou Méndez - O Alcalde de Lugo lembrou que o Presidente galego non contestou ao escrito que lle mandou para abordar a implantación dos servizos pendentes do HULA

 
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, asegurou este venres que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, “volveu a mentir aos galegos e aos lucenses” sobre a prestación dos servizos de Hemodinámica e “quere condenarnos a morrer aos veciños desta provincia”. Méndez subliñou que, ao contrario do que afirmou Feijóo, “Pontevedra si ten este servizo no hospital de Vigo, que é, ademais, a mellor unidade de Hemodinámica 24 horas de Galicia”. É dicir, os veciños da cidade de Pontevedra teñen esta prestación en Vigo, a 20 minutos, mentres que os de Lugo teñen que acudir á Coruña. “Sabe Feijóo canto tempo lle leva chegar a un veciño de Mondoñedo ou Sober? Hora e media”, argumentou a Vicepresidenta.

Feijóo “tamén mentiu” sobre Hemodinámica en Ourense ao asegurar que este servizo é de recente creación, engadiu, pois esta provincia dispón desta prestación dende hai máis de 7 anos “grazas a un Conselleira socialista, María José Rubio”. “Atópase nunha encrucillada e non sabe como saír”, afirmou a Vicepresidenta, “non quere darlle solución a este problema, nin quere que lla deamos outros”.

Méndez cualificou de “cruel” a actitude de Feijóo ao “referirse a este servizo en termos estatísticos, cuantificando as vidas humanas”, e garantiu que “seguiremos loitando para que os lucenses teñamos Hemodinámica as 24 horas. Só salvando unha vida creo que vale a pena poñer en marcha este servizo”.

A Sociedade de Cardioloxía, insiste
Lara Méndez puxo de relevo que, o mesmo día no que Presidente da Xunta fixo estas declaracións, a Sociedade Española de Cardioloxía, reunida onte en Vigo, “volvía a insistir no mesmo que o doutor Juanatey: que atender un infarto nas dúas primeiras horas é vital para o paciente. Parece mentira que Feijóo, que foi Presidente do INSALUD, non saiba isto”.

A Vicepresidenta recalcou que Lugo ten servizo de Hemodinámica “en horario de oficina porque os veciños saímos á rúa para poñer a Feijóo no seu sitio, senón hoxe seguiríamos sen contar con este mínimo servizo”. Polo tanto, “insistimos en que ten que pedir perdón aos lucenses e darnos os servizos sanitarios vitais. Que non espere que calemos cando nos condena a morrer. Non é cuestión electoralista, é unha cuestión de vida ou morte”.

Sen resposta
Pola súa banda, o Alcalde lucense, José López Orozco, que acompañou hoxe á Vicepresidenta na presentación dun novo proxecto de acondicionamento das áreas verdes do río Rato, subliñou que, “se Feijóo considera electoralista o ofrecemento da Deputación” de financiar a posta en marcha de Hemodinámica as 24 horas no HULA, “tivo tempo de contestar antes o escrito que eu lle mandei” para abordar a posta en marcha dos servizos sanitarios pendentes, “que non contestou; non sei se o enviaría ao cesto dos papeis, pero non contestou. Polo tanto, tivo tempo moito máis antes que a proposta da Deputación para contestar dun xeito afirmativo, que é o que tiña que facer”.