Deputación de Lugo

Alfredo Llano: “A Conselleira reprobada volve á provincia  burlarse dos mariñanos e de todos os lucenses”

Imaxe deputación de lugo
- O Deputado lamentou que Mosquera visite Burela “despois de negarnos reiteradamente os mesmos servizos asistenciais que o resto dos galegos e de desvalorizar o Hospital da Costa ata límites descoñecidos, como denuncian os propios profesionais” - Os continuos cambios na xerencia do centro hospitalario da Mariña, con catro responsables en seis anos, ratifica a “extraordinaria mala xestión” da Conselleira e demostra “que non a queren nin os seus. Como non vai estar reprobada na provincia?”

  O Deputado provincial pola Mariña Alfredo Llano lamentou que a “Conselleira reprobada de Sanidade volva á provincia burlarse dos mariñanos e de todos os lucenses, despois de negarnos reiteradamente os mesmos servizos de Hemodinámica 24 horas e Radioterapia que teñen o resto dos galegos, despois de todo o que nos quitou aos veciños da Mariña, e despois de desvalorizar o Hospital da Costa ata límites descoñecidos, como denuncian os propios profesionais sanitarios”.

Para Llano, a visita que fixo este venres Rocío Mosquera a Burela para presentar á nova xerente do centro hospitalario da Mariña “supuxo unha tomadura de pelo máis, outro engano”, ao anunciar “por enésima vez” a ampliación e melloras do hospital, cando “saben que, en canto pasen as eleccións locais, volverán a deixar durmir nun caixón estes proxectos”, e ao gabar “a Xestión Integrada, cando “o certo é que todo foi a peor con este sistema. Eliminou a capacidade resolutiva e supuxo a perda de servizos asistenciais, o que ocasiona graves dificultades aos pacientes, aos profesionais e, como demostran os feitos, aos propios xestores do hospital”. Deste xeito, Llano reivindicou que o centro burelés recupere a autonomía de xestión.

O Deputado, responsable provincial de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, destacou así mesmo que os continuos cambios na xerencia do Hospital da Costa, con catro responsables en seis anos “e un que xa nin aceptou”, ratifica “a extraordinaria mala xestión” da Conselleira e demostra “que non a queren nin os seus”, pois trátase dun posto de confianza. “Como non vai estar reprobada na provincia?”, engadiu.