Deputación de Lugo

Rematada a instalación do equipamento de Chantada

- O Presidente supervisou este venres o novo equipamento do auditorio, que contou cunha achega de 67.400 euros e á que se lle suma a partida de 900.000 euros da construción do edificio- Gómez Besteiro salientou que “con estas actuacións poñemos fin a unha das obras máis demandas polos veciños, dotando ao Concello de novas infraestruturas de uso público”- Este edificio, que pode albergar a máis de 400 persoas, conta con máis de 260 butacas, unha pantalla de 4x2 metros, unha cortina con carril motorizado e un proxector audiovisual

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e do Alcalde de Chantada, Manuel Varela Rodríguez, supervisou este venres o equipamento do auditorio de Chantada, cuxa instalación ven de rematar. A infraestrutura completa contou cunha inversión provincial de preto de 1 millón de euros.

Gómez Besteiro salientou que “con esta obra, poñemos fin a unha demanda histórica das veciñas e veciños, dotando ao Concello de novas infraestruturas de uso público”. O Presidente lembrou que este proxecto enmárcanse no conxunto de actuacións de 5 millóns de euros que a Deputación levou a Chantada para liquidar a histórica débeda do canon hidroeléctrico.

O equipamento está composto por 266 butacas, un proxector audiovisual, unha pantalla de 4x2 metros e unha cortina de máis de 20 metros de longo por 5 metros de alto con carril motorizado e contou cunha achega de 67.400 euros. Ademais desta inversión, a Deputación investiu 900.000 euros para a construción deste edificio, chegando a preto de 1 millón de euros de inversión total. Esta actuación forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreos nos que ata 2009 se atopaba a Casa consistorial.

Canon hidroeléctrico
O Presidente da Deputación lembrou que, tanto a construción do auditorio como a súa dotación, enmárcanse no conxunto de actuacións por valor de 5 millóns de euros que a Deputación levou a Chantada para liquidar a histórica débeda do canon hidroeléctrico. Outro exemplo é o acondicionamento de 16 rúas. Xa con remanentes destes fondos, a institución provincial financiará novas actuacións no Concello, como as obras de mellora do campo de fútbol de Sangoñedo (16.102 euros), do centro de día (138.417) ou a Praza de Abastos (8.000 euros).

Máis de 8 millóns de investimento
Xunto con estes 5 millóns de euros, a Deputación aportou tamén fondos para proxectos como o Plan de Obras e Servizos, Plan de Comunidades Veciñais ou a mellora das estradas provinciais, superando os 8 millóns de euros de investimento. Dentro destas actuacións atópanse a ampliación do polígono industrial dos Acivros (3 millóns de euros) e 7 obras de Comunidades Veciñais (88.500 euros), como o arranxo da casa escola de Sabadelle, explanación e pavimentación de acceso a viñedos e acondicionamento do camiño San Cristovo-Vilaseso (parroquia de Mouricios).

Tamén a través do POS, acometéronse 5 obras por preto de 100.000 euros da Deputación. Entre elas atópanse a mellora de espazos públicos na rúa Caixa de Aforros, a pavimentación en dúas ocasións do barrio Buen Jesús ou a pavimentación estrada Lugo-Muradelle e Parque Municipal. O organismo provincial inviste 522.000 euros no mantemento dos 111 quilómetros de estradas provinciais que discorren por Chantada.