Deputación de Lugo

A Deputación soluciona os problemas de abastecemento de auga dos 130 veciños de Vilar de Mouros, en Meira, cunha nova traída

- Gómez Besteiro supervisou as obras de instalación da rede, na que o organismo provincial investiu 180.000 euros, e que dá servizo a un núcleo gandeiro no que funcionan granxas con máis de 800 reses - Tras a restauración do retablo barroco da igrexa de Meira, o organismo provincial destinará 12.000 euros a novas obras de rehabilitación deste patrimonio histórico artístico

A Deputación de Lugo solucionou os problemas de abastecemento de auga que durante anos sufriron sobre todo no verán os máis de 130 veciños de Vilar de Mouros, no Concello de Meira. Para elo, dotou dunha nova traída a este núcleo rural cun investimento de 180.000 euros. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado de veciños da localidade, supervisou as obras de instalación da rede, que dá servizo a un pobo fundamentalmente gandeiro, no que funcionan explotacións con máis de 800 reses, de aí a importancia de contar con subministro suficiente de auga.
Os traballos, executados en tres anualidades, de 2012 a 2014, a través dunha achega económica á asociación Salgueiro Vello de Vilar de Mouros, incluíu a instalación dun depósito con 200.000 litros de capacidade, que garante o abastecemento deste núcleo de poboación durante todo o ano.
Gómez Besteiro subliñou que a nova traída de Vilar de Mouros forma parte do “firme apoio da Deputación ao rural e ao sector primario, aos que temos que dotar dos mesmos servizos, infraestruturas e prestacións que ás cidades para mellorar a calidade de vida dos veciños que viven nas aldeas, impulsar o seu desenvolvemento económico e recuperar así poboación”. Neste senso, o Presidente lembrou que a Deputación destinou este ano 2,2 millóns de euros a 7 liñas de axuda precisamente dirixidas a impulsar o campo e o sector primario. Durante a visita a Vilar de Mouros, os veciños descubriron unha placa conmemorativa da posta en marcha da traída e en agradecemento do apoio da Deputación.
Patrimonio histórico
O Presidente tamén coñeceu os resultados da rehabilitación do retablo maior da igrexa de Santa María de Meira, unha obra barroca do século XII de alto valor histórico artístico que presentaba un considerable deterioro. A peza foi recuperada grazas a unha achega de 41.600 euros do organismo provincial á asociación Nosa Señora do Pedregal. Os traballos, desenvolvidos durante preto de 7 meses por entre catro e cinco persoas, consistiron en desinsectar o retablo, darlle tratamento funxicida, limpalo e recuperar todos os elementos de madeira, policromía e dourados, ademais de aplicarlle un tratamento de protección.
Tras a restauración do retablo maior, o organismo provincial destinará 12.000 euros a novas obras de rehabilitación da igrexa de Santa María, neste caso consistentes no arranxo do chan e a eliminación de humidades da sancristía.

1,3 millóns de euros en Meira
A Deputación investiu nos últimos oito anos 1,3 millóns de euros na dotación e mellora de servizos e infraestruturas do Concello de Meira, entre outros, a mellora dos accesos a Piñeiro, Louseira, A Carota, Vilar de Carota, Murias, á area recreativa Pedregal de Irimia, A Valiña, A Cortiña, Casanova, Paredes, Piñeiro, San Roque, Irimia Baixa, As Casas Novas e A Vedra, o acondicionamento do camiño entre Corvaceiras e Irimia, do camiño novo entre Azureira e Murias, a rehabilitación do local social de Vilar de Mouros, a mellora da distribución de auga a Corvaceiras e a construción dun depósito en Leiras. Os veciños dispoñen de acceso libre e gratuíto a Internet na Praza do Concello, ademais de administración electrónica, grazas ao Innova-TE, e o Concello pode aforrar uns 7.300 euros ao ano na factura da luz coa dotación de equipamentos de eficiencia enerxética por valor de 27.800 euros, que a Deputación lle instalou gratis.