Deputación de Lugo

Viticultores da Ribeira Sacra interésanse polas microvinificacións do viñedo experimental financiado pola Deputación

- A institución organiza este venres, ás 19:00 horas, en Portomarín, unha charla divulgativa sobre as colleitas do 2013 e 2014 nesta leira experimental, onde os expertos Berrio, Real e Rodríguez tratarán, entre outros, as diferenzas das dúas anualidades e as súas limitacións- Este viñedo é un proxecto financiado pola Deputación de Lugo, na que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela estudan métodos sanitarios e de cultivo de viñas, encamiñados a potenciar a economía baseada nos produtos autóctonos

A Deputación de Lugo organiza este venres, a partir das 19:00 horas, en Portomarín, unha charla divulgativa sobre as colleitas do 2013 e 2014 das microvinificacións do viñedo experimental situado no Monte do Cristo, posto en marcha coa colaboración da Deputación. Trátase dunha actividade de gran interese para os viticultores da Ribeira Sacra, posto que nesta conferencia se tratarán as diferenzas das dúas anualidades e as limitacións á hora de elaborar o viño neste cultivo de investigación, ao tempo se ofrecerán comparativas de xestión e tentativas de futuro para o sector vitinícola.

Os encargados de ofrecer esta charla gratuíta, que terá lugar no Restaurante Portomiño, son Julián Berrio, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e profesional ó fronte do equipo de investigación que traballa no viñedo situado na localidade de Portomarín; Roberto Real, enólogo de RL Asesoría Vitinícola Chantada, e Óscar Rodríguez Pérez, colaborador xornalístico do suplemento Catando. Os tres profesionais compartirán cos asistentes os seus coñecementos, expoñendo así os diferentes tipos de manexo do solo en viticultura, as condicións das colleitas e as consecuencias da elaboración do viño no resultado desta bebida, todo relacionado coas colleitas do 2013 e 2014 desta finca. A charla divulgativa servirá tamén de apertura de novas liñas formativas ou de investigación.

Esta actividade, na que participará a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, tamén contará cunha parte de carácter máis práctica. Tras a conferencia terá lugar unha degustación e unha cata das variedades de viño establecidas na finca experimental no ano 2013 e 2014, en particular mencía, godello, alvariño e un indicador foráneo.

Portomarín forma parte dos Concellos produtores de viño reunidos baixo a Denominación de Ribeira Sacra. Nestes municipios, na pasada campaña recolléronse máis de 4,7 millóns de quilos de uva, do que sale o viño que embotellan 93 adegas da Ribeira Sacra. As 5 grandes denominacións de orixe galegas, nas que se engloba a Ribeira Sacra, incrementaron nun 87% as vendas ao exterior nos últimos anos.

O viñedo experimental
A Deputación de Lugo financia este proxecto da Universidade de Santiago de Compostela sabendo da relevancia social e económica que o sector vitivinícola ten para a provincia e máis na Zona Sur, onde constitúe un dos piares económicos da Comarca. A iniciativa consiste no estudo de diferentes aspectos do cultivo de viñedos. O campo de traballo dos técnicos da Universidade é unha plantación de 2,7 hectáreas de superficie en alta densidade (isto é, cunha media de 6.000 plantas por hectárea), na que, ademais da redución de custos enerxéticos, tamén estudian outros factores que inflúen na calidade e cantidade da produción e, polo tanto, na rendibilidade das viñas.

A institución provincial colabora con este proxecto pola importancia desta investigación para polos positivos resultados que pode aportar esta investigación para a mellora das posibilidades de cultivo en zonas de contorna de monte, así como pola innovación nos sistemas de produción encamiñada á optimización dos recursos dispoñibles, fundamental para potenciar a economía baseada nos produtos autóctonos.