Deputación de Lugo

Grandes nomes da rede para impulsaren a innovación dixital en Lugo

- Pablo Rivera foi o encargado de abrir a I Xornada de Innovación Dixital, encontro que lle ofreceu aos participantes claves sobre a innovación dixital e recomendacións de como apoiarse nas redes e internet na procura de éxito - Milleiros de persoas seguiron as conferencias de José Antonio Rodríguez Salas, alcalde de Jun (Granada), Javier Ikaz e Jorge Díaz (@YofuiaEGB) e Alfonso Alcántara (@Yoriento) grazas ao streaming da Fundación TIC e a través das redes sociais mediante o hastag #lugoinnova

O Director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías da Deputación, Pablo Rivera Capón, foi o encargado de abrir este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a I Xornada de Innovación Dixital #lugoinnova, que baixo o lema “Non predigas o futuro, Invéntao!”, analizou a estreita relación entre a innovación e o crecemento económico e social dun país, un proceso que se acelera considerablemente coa aparición do compoñente dixital.

Durante a apertura da xornada, Rivera salientou que “eventos como este redundan na aposta do organismo provincial pola innovación en todas as súas vertentes. Cremos na innovación porque sen ela non hai futuro posible, e facémolo a través de proxectos como o InnovaTE2: Deputación Dixital, que ten como obxectivo actuar como motor da xeración de crecemento e de emprego na provincia, e para promover a aplicación xeral das TIC nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos.”

A iniciativa, enmarcada dentro no InnovaTE2: Deputación Dixital, cofinanciada nun 80% por fondos europeos, reuniu en San Marcos a recoñecidas figuras do mundo dixital, impulsores de innovadores e modélicos proxectos en diferentes ámbitos. O encontro tamén puido seguirse en internet grazas ao streaming ofrecido pola Fundación TIC e nas redes sociais mediante o hashtag #lugoinnova.

José Antonio Rodríguez Salas, un alcalde pioneiro
Baixo o relatorio ““O papel de Twitter na política e na administración pública. O caso Jun”, José Antonio Rodríguez Salas, que ocupa o cuarto posto de influencia en redes sociais ademáis de ser líder no ránking dos alcaldes españois conectados ás redes sociais con mais de 313.000 seguidores, presentou as iniciativas que colocaron este pequeno concello dos arredores de Granada en todo un referente mundial no uso das novas tecnoloxías e no fomento da participación cidadá a través delas, e que o levou a exportar o seu modelo a cidades como París, Nova York ou San Francisco. Desde iniciativas relacionadas co lecer cidadán a accións máis orientadas ao día a día do concello: todos os planos da vida municipal están nas redes sociais, como o servizo de limpeza ou de alumeado público; sen esquecer o fomento da participación cidadá. José Antonio Rodríguez Salas explicou que os temas da orde do día do propio Pleno son decididos a través dos chíos en Twitter con máis relevancia.

“A acción dunha administración debe estar sempre orientada á cidadanía, para o que as redes sociais nos ofrecen unha grande ferramenta”, lembrou Salas. Na súa experiencia, “cada proceso que desde o concello de Jun fomos abrindo á cidadanía foi un proceso que nos deu máis credibilidade" e que serviu “para estar máis preto deles”. “Nunca pretendas levar a xente ao teu lugar. Vai ti a onde está a xente. Este é o gran fallo das Administracións públicas". Ao mesmo tempo, explicou que "a cidadanía vai máis rápido que a política. Moitos políticos están en Twitter porque "teñen que estar" cando a realidade é que teñen que aproveitar as posibilidades de conexión coa cidadanía que esta ofrece”.

Jorge Díaz e Javier Ikaz encheron San Marcos de nostalxia
Tras a conferencia do alcalde de Jun, Jorge Díaz e Javier Ikaz puxeron a nota divertida á I Xornada de Innovación Dixital #lugoinnova e encheron de nostalxia o Salón de Actos do Pazo de San Marcos coa súa arenga á infancia e ao tempo pasado. A innovación municipal deu paso a lemas comercias que todos coñecemos ou cancións da infancia que o auditorio sabía de memoria desde a primeira á última palabra.

Díaz e Ikaz receitaron as claves para convertérense nun fenómeno de masas que chega a máis dun millón de seguidores nas redes sociais: “a nostalxia, as lembranzas que ten en común toda unha xeración, o ton positivo e o uso do termo EGB que une a milleiros de persoas”. Con estes ingredientes, o seu blog, yofuiaegb.com ten máis de 3.000.000 de páxinas vistas e co que deron o salto ao mundo analóxico porque, “a pesar de todo, a xente segue demandando as vellas formas de antes”.

A chave para convertérense no terceiro libro máis vendido en España co seu “Yo Fui a EGB” está en "non tirar a toalla e seguir, seguir e seguir”. “É difícil que nun futuro a nostalxia funcione igual xa que agora se consume todo tan rápido que non dá tempo a crear iconas", sentenciaron Díaz e Ikaz.

Alfonso Alcántara e as chaves para ser un #superprofesional
Baixo o nome de “#SuperProfesional: Reinvéntate en 120 minutos”, o obradoiro práctico do coach profesional Alfonso Alcántara ofreceu os segredos do emprego 2.0, a marca persoal e o emprendemento para atopar e crear oportunidades persoais e laborais.

A través da pregunta inicial “Que deberías estar facendo agora?”, Alfonso Alcántara conduciu ao auditorio a buscar a especialización e motivouno na procura daquelas cousas que nos fan destacar entre os demais e marcalos como obxectivos para ser un auténtico #superprofesional.

Ao remate do acto, Alfonso Alcántara, con máis de 200.000 contactos nas redes sociais, asinou exemplares do seu libro, recentemente editado.

Datos de seguimento en redes sociais
Segundo datos de páxinas independentes de analítica de Twitter 218 persoas empregaron o hashtag #lugoinnova. Publicáronse case 900 chíos nesta rede social, cunha audiencia de 1.012.253 persoas e máis de oito millóns impresións totais nos diferentes time line dos usuarios.

Vídeos das conferencias
A Fundación TIC ofreceu o evento en streaming, que foi seguido por centos de persoas. Os vídeos das diferentes conferencias que formaron a Xornada de Innovación Dixital #lugoinnova poden verse, desde hoxe mesmo, no blog da Deputación de Lugo, http://blog.deputacionlugo.org/es/