Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba unha declaración institucional polo Día Internacional da Muller

Imaxe deputación de lugo
- Martínez remarcou que “con esta declaración, queremos defender a necesidade de que todas as administracións galegas reforcen as actuacións que promovan a igualdade real entre homes e muller, máis aínda, ante o retroceso cos Gobernos da dereita deste país” - Galicia xa é a Comunidade de España coa maior fenda salarial feminina. As galegas teñen que traballar 79 días máis para gañar o mesmo que os homes. En Lugo, a taxa de paro entre as mulleres supera en máis de 2 puntos á dos homes. Hai 12.600 mulleres en Lugo no paro

A Xunta de Goberno Provincial deste venres aprobou unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que terá lugar o domingo, 8 de marzo. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, remarcou que “con esta declaración queremos defender a necesidade de que todas as administracións galegas reforcen as actuacións que promovan a igualdade real entre homes e muller, máis aínda, ante o retroceso nesta materia cos Gobernos da dereita deste país. Hoxe, Galicia xa é a Comunidade de España coa maior fenda salarial feminina. As galegas teñen que traballar 79 días máis para gañar o mesmo que os homes. En Lugo, a taxa de paro entre as mulleres supera en máis de 2 puntos á dos homes. Hai 12.600 mulleres en Lugo no paro”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL:
Co motivo da celebración o 8 de marzo do dia Internacional das Mulleres, a Deputación de Lugo fai un chamamento aos Concellos lugueses para que se sumen á conmemoración desta xornada coa realización de accións concretas dirixidas ao fomento das políticas de igualdade. Asemade, a Deputación, anima as veciñas e veciños de Lugo a participaren nos actos (concentracións, manifestacións, festas...) que o movemento feminista e as asociacións de mulleres convoquen arredor desa data.

No presente ano 2015 cúmprese o vixésimo aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, que, celebrada en Beijing en 1995, deu lugar á Declaración e á Plataforma de Acción de Beijing: un programa ambicioso para promover os dereitos das Mulleres a escala mundial.

O proceso de Beijing propiciou unha vontade política e social encamiñada a fomentar a igualdade en moi diversos ámbitos, entre eles: o acceso á educacion e á saúde, a participación das mulleres no mundo laboral e a loita contra a violencia de xénero. Desde entón, lográronse avances substanciais. Agora ben, tal e como constata a organización das Nacións Unidas ONU Mulleres no marco da campaña Beijing+20, “ningún país logrou a igualdade de xénero en todas as dimensións da vida que prevía a Plataforma”. A brecha de xénero persiste como síntoma da desigualdade, e a violencia contra as mulleres continúa sendo unha lacra a erradicar.

Temos que recordar, por exemplo, que no noso País, só no 2014 máis de 17.000 mozas tiveron que emigrar, graves recortes en materia de servizos sociais, como aumento das taxas nas escolas infantís, encarecemento do prezo dos comedores escolares, aumento do copagamento do pouco que resta da Lei da Dependencia... Todo isto trae consigo a situación de desigualdade que viven as mulleres galegas, que se viu acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise, sen a implantación de políticas efectivas que puidesen frear o crecemento da fenda que sitúa as mulleres á marxe, e que lles deixa cada vez máis, as portas abertas ao desemprego, ao emprego precario ou á emigración.

Diferentes estudos e informes recollen datos sobre o desemprego e as lamentables condicións dos traballos que desempeñan as mulleres en Galicia a día de hoxe, así como o elevadísimo número, sobre todo de mozas, que se viron obrigadas a abandonaren o noso país na procura dun futuro mellor. Falan os datos de diferentes estudos, entre eles os publicados polo IGE, e reflicten que a situación das mulleres no noso país vén empeorando de forma alarmante nos últimos anos.

A pesar de escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que a fenda salarial continúa ampliándose e as mulleres son as principais afectadas cando nos referimos ás persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social. Asemade, o desigual reparto de responsabilidades á hora de asumir o traballo non remunerado supón que a maternidade sexa un factor de penalización sobre o emprego das mulleres. As chamadas políticas de austeridade frearon a posta en marcha de políticas de igualdade, tanto a nivel lexislativo como de realización de programas concretos. Así, algúns instrumentos con medidas antidiscriminatorias, como a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, está paralizada. Nesta lei manifestábase o compromiso da Xunta de Galicia para integrar a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, cumprindo co seguimento das políticas e accións sobre as que existen competencias en relación ao acceso ao emprego, desenvolvendo políticas de integración e apostando pola igualdade no ámbito laboral. Algunha das medidas máis necesarias neste momento incluídas nesta lei, como é a posta en marcha de medidas que melloren o emprego feminino, continúa a agardar pola súa implementación.

Desde a perspectiva dos Concellos de Lugo, esta responsabididade cabe asumila nunha dobre dirección. Por un lado, é necesario potenciar a participación das mulleres en todos os ámbitos da vida política, económica e social: as políticas activas de emprego destinadas ás mulleres e as actuacións que fomenten a conciliación e a corresponsabilidade resultan fundamentais nesta tarefa. Por outro lado, é esencial promover a cooperación cos Concellos de Lugo en desenvolvemento: compartir coñecementos e experiencias em materia de igualdade contribúe a construír sociedades máis libres e xustas.

En coherencia con este chamamento, a Deputación de Lugo manifesta a súa firme decisión de reforzar as súas actuacións e colaborar con todas as institucións públicas e axentes sociais na tarefa compartida de promover a igualdade real entre homes e mulleres.