Deputación de Lugo

A elite de Internet debaterá en Lugo sobre a innovación dixital

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación de Lugo acollerá o 10 de marzo unha xornada na que se analizará a influencia da tecnoloxía e da rede na capacidade de modernización da sociedade a todos os niveis - José Luis Rodríguez Salas, o alcalde máis seguido en Twitter de España; os autores do blog Yo fui a EGB e o experto en motivación e marca persoal Alfonso Alcántara serán algúns dos participantes - A asistencia é gratuíta pero limitada polo aforo do Salón de Actos de San Marcos, polo que haberá que reservar praza en www.deputacionlugo.gal. O evento será retransmitido en streaming e por redes sociais

A Deputación de Lugo acollerá, o vindeiro martes 10 de marzo, unha xornada sobre innovación dixital na provincia de Lugo, #lugoinnova. O evento contará coa presenza de recoñecidas figuras do mundo dixital,  impulsores de innovadores e modélicos proxectos en diferentes ámbitos.  A iniciativa, enmarcada dentro no InnovaTE2: Deputación Dixital, iniciativa cofinanciada nun 80% por fondos FEDER, terá lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e a asistencia totalmente gratuíta, malia que limitada polo aforo do recinto, polo que será necesario reservar praza en www.deputacionlugo.gal.

A xornada #lugoinnova reunirá en Lugo a destacadas figuras do mundo dixital que analizarán a estreita relación entre a innovación e o crecemento económico e social dun país, proceso que se acelera considerablemente coa aparición do compoñente dixital, polo que son moitas as persoas, empresas e organizacións que non dubidan en incorporarse e apostar pola teconoloxía e a rede nos seus modelos de crecemento.

Entre os participantes estarán José Antonio Rodríguez Salgas, @JoseAntonioJun, alcalde do concello granadino de Jun, pioneiro en España no uso das redes sociais na participación cidadá. De feito, este rexedor é o alcalde co maior número de seguidores en Twitter, superando os 300.000 followers.

Tamén tomarán parte Javier Ikaz e Jorge Díaz, creadores do popular blog Yo fui a EGB, unha homenaxe á infancia dos anos 80, que conta con máis dun millón de seguidores habituais na rede, e autores do libro inspirado no blog que logrou situarse entre os tres máis vendidos do país. A cita completarase coa intervención de Alfonso Alcántara, @yoriento, recoñecido especialista en motivación e emprego 2.0.

Programación da xornada
A xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 20:00 horas, e arrincará coa inauguración a cargo do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, @jrgomezbesteiro, quen dará paso a José Antonio Rodríguez Salas, @JoseAntonioJun, que falará acerca do Papel de Twitter na política e a administración pública. O caso Jun.

Ás 12:30 horas intervirán Javier Ikaz e Jorge Díaz, @YoFuiaEGB, coa ponencia Nostalxia dixital  na que analizarán os porqués do éxito do seu blog e o libro do mesmo nome e, xa pola tarde, a partires das 17:00 horas, Alfonso Alcántara, @Yoriento, impartirá o obradoiro #SuperProfesional: Reinvéntate en 120 minutos, no que explicará os mellores consellos e os segredos do emprego 2.0, a marca persoal e o emprendemento para atopar e crear oportunidades persoais e laborais, e que o autor analiza no seu libro #SuperProfesional: 6 superpoderes para aprovechar tu talento y alcanzar tus objetivos.

Reserva de prazas
A xornada #lugoinnova é totalmente gratuíta, malia que limitada polo aforo do Salón de Actos do Pazo de San Marcos, polo que para asistir será necesario reservar praza, o que se pode facer dende hoxe mesmo, a través de www.deputacionlugo.gal. Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia á xornada.

De calquera xeito, os que non poidan acceder ese día poderán seguir íntegro o evento a través de streaming, grazas ao traballo da Fundación TIC, e nas redes sociais de Deputación. Máis información e novidades en blog.deputaciondelugo.gal e nas contas da Deputación en redes sociais (@depulugo en Twitter e https://www.facebook.com/diputacionlugo en Facebook).