Deputación de Lugo

Monterroso contará con instalacións públicas para dependentes asistidos grazas a 250.000 euros da Deputación

- Besteiro e Gato avanzaron a rehabilitación do inmoble anexo á residencia e centro de día; 3 dotacións sociais públicas que integrarán o Fogar Residencial de Monterroso, onde se atenderán a 45 maiores con autonomía ou dependentes, dando emprego a 15 persoas- Aínda que a Xunta se negou a colaborar de calquera xeito coa residencia pública, o Concello púxoa en marcha con axuda da Deputación e o anterior Goberno central, e xestiónaa directamente, garantindo o seu acceso con prezos de entre 400 e 800 euros- O centro de día, con 20 usuarios e prezos de entre 100 e 200 euros, ou o servizo de comida a domicilio, do que se benefician case 20 veciños, son outras das prestacións sociais públicas que xestiona directamente o Concello monterrosino

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, avanzou este xoves que o organismo provincial financiará con 250.000 euros a rehabilitación do inmoble anexo á residencia e ao centro de día públicos, situados na rúa Asociación Sociocultural Falcatrueiros, para prestar atención a dependentes asistidos, tamén con carácter público. O conxunto destas 3 dotacións sociais integrarán o Fogar Residencial de Monterroso, que ofrecerá servizo a un mínimo de 45 maiores con autonomía ou dependentes (7/8 na nova instalación para dependentes asistidos, 19 na residencia e 20 no centro de día). Ademais, dará emprego a polo menos 15 persoas, das que 8 xa están a traballar na residencia e centro de día, atendendo a 33 usuarios.

Gómez Besteiro salientou que “este novo investimento é unha clara aposta polos servizos sociais públicos”. O Presidente lembrou que a Deputación ten varias “liñas abertas” en materia de servizos sociais, como a rede pública de residencias e centros de día, que está a construír por toda a provincia, “unha aposta directa polo público, xunto con outra aposta polo público que facemos a través dos Concellos”, coma no caso de Monterroso. Besteiro destacou que isto é mostra de que “dende o público pódense afrontar as necesidades que ten a poboación e, ademais, xerar emprego, coma no caso de Monterroso, onde estas novas instalacións permitirán que outras 15 persoas poidan ter un posto de traballo”.

Así mesmo, lembrou o compromiso político “tozudo” da Deputación para poñer en marcha a rede pública de centros para maiores, fronte aos doutras administracións, coma a Xunta de Galicia, con “residencias rematadas que non funcionan ou outros proxectos que se anuncian pero para os que non se ve que haxa partidas orzamentarias detrás”.

Pola súa banda, Antonio Gato destacou a importancia da colaboración do organismo provincial, “grazas á cal Concellos pequenos do rural podemos sacar adiante servizos importantes coma este”, deixando patente que “somos capaces de ofrecer atención tan especializada como a que damos coa residencia ou co centro de día, dos que nos sentimos moi orgullosos”, malia os intentos de eliminar ditas competencias coa reforma da Lei de Réxime Local.
Residencia pública
Esta nova colaboración, súmase á axuda de 200.000 euros da Deputación para a residencia pública de Monterroso. Concretamente, investiu 75.000 euros na construción da segunda pranta e 120.000 euros na adquisición do equipamento. O organismo provincial fixo esta achega en resposta á petición do Concello e logo de que a Xunta de Galicia rexeitase colaborar co municipio monterrosino. Fíxoo de xeito reiterado. Primeiro, negándose a colaborar coas obras, e logo co equipamento. Posteriormente, rexeitou conceder prazas concertadas, que si concede a centros privados.

A posta en marcha da residencia pública de Monterroso foi posible grazas a unha axuda de 442.000 euros do anterior Goberno Central a través do Plan E, orzamento que se adicou á construción do complexo; de 200.000 euros da Deputación para o remate das obras e a compra do equipamento; e do importante esforzo inversor do Concello, que xestiona directamente este servizo público, garantindo o seu acceso, ao fixar prezos para as prazas dun mínimo de 400 euros e ata un máximo de 800 euros.

Actualmente, o Concello segue á espera de que a Xunta lle conceda os permisos legais necesarios para poder abrir a segunda pranta da residencia e ofrecer outras 6 prazas, e contratar a novo persoal para a súa atención. Entretanto, hai 13 usuarios e 4 contratados.

Máis prestacións sociais públicas
O Concello tamén xestiona directamente o centro de día público, garantindo o seu acceso con prezos para as prazas de 100 euros, no caso das persoas con pensións non contributivas, e de ata 200 euros. Na actualidade, conta con 20 usuarios e 4 persoas contratadas para a súa atención. Este servizo súmase a outras prestacións sociais públicas do municipio monterrosino como, por exemplo, o servizo de comida a domicilio, do que se benefician preto de 20 veciños.