Deputación de Lugo

A Protectora de Animais de Lugo ampliará en 4 hectáreas as súas instalacións grazas á Deputación

- A Vicepresidenta e o Alcalde lucense supervisaron os traballos de colocación dun peche metálico na parcela anexa ás dependencias da entidade, financiados con 26.000 euros polo organismo provincial e que estarán rematados en quince días - Con este novo espazo,  a Protectora cumpre cunha das súas grandes aspiracións, pois as actuais dependencias, de 3.000 m2 e creadas hai 33 anos, están obsoletas e quédanse pequenas para acoller aos 400 animais que hoxe están ao seu coidado - A Deputación achegou nos últimos anos outros 42.000 euros para garantir a supervivencia da organización

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto á Deputada provincial de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, Javier García Calleja, supervisaron este domingo a execución das obras de peche dunha parcela de titularidade provincial en Codesido cunha superficie de 4 hectáreas, que será cedida posteriormente á entidade co fin de ampliar as súas instalacións.

Lara Méndez destacou que con este novo espazo, que multiplica por 14 a superficie da que dispón hoxe, “a Protectora cumpre cunha das súas grandes aspiracións”, pois as actuais dependencias, de 3.000m2 e creadas hai 33 anos, están obsoletas e quédanse pequenas para acoller aos arredor de 400 animais que están ao seu coidado. Neste senso, a Vicepresidenta destacou que esta colaboración enmárcase “no noso obxectivo de poñer en valor e darlle uso público” ao patrimonio de titularidade da Deputación.

“Aínda non o podemos crer. Este espazo é fundamental para garantir o benestar dos animais, que é polo que nós traballamos”, subliñou pola súa banda o presidente da Protectora, quen explicou que o obxectivo é que esta gran extensión de terreo serva para o esparexemento dos animais e, nomeadamente, para o disfrute das familias lucenses que teñen algún deles apadriñado, a día de hoxe unhas 260.  

As actuacións que se están a realizar, dotadas cun orzamento de 26.000 euros, están financiadas exclusivamente polo organismo provincial. Os traballos, que rematarán previsiblemente en dúas semanas, consisten na instalación dunha valla de malla galvanizada de simple torsión de 785 metros de perímetro e 2 metros de altura. Esta atópase sustentada por postes metálicos colocados cada 3 metros de distancia, que descansan sobre zapatas de formigón.
Outras colaboracións
A Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Ambiente, achegou outros 42.000 euros á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo nos últimos anos co fin de garantir a supervivencia da organización. No 2013, o organismo provincial levou a cabo traballos silvícolas, dotados con 7.000 euros, e que consistiron na roza da vexetación e na poda en altura de ducias de árbores na contorna das instalacións da Protectora, en concreto, nunha zona cunha superficie de 140x2,5 metros que rodea ao albergue.

Por outra banda, tamén se achegaron preto de 12.000 euros para comezar cos traballos de peche da finca anexa á Protectora. Recentemente, a Deputación asinou un convenio por valor de 24.000 euros para comprar pienso que garanta a alimentación dos animais que se albergan nestas instalacións.