Deputación de Lugo

Deputación de Lugo e Fademur dan visibilidade ás emprendedoras do rural coa 7ª Feira para Mulleres

- Gómez Besteiro inaugurou hoxe a 7ª edición da Feira para Mulleres do Medio Rural de Fademur, no que están presentes máis dunha ducia de emprendedoras de toda Galicia - Esta Feira agroalimentaria e de artesanía permanecerá do 6 e 10 de marzo na Praza de San Marcos en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas- O evento completarase con ponencias e coloquios e rematará cunha entrega de premios en recoñecemento ao labor de mulleres do rural

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres a 7ª edición da Feira para Mulleres do Medio Rural que organiza a Federación de Asociacións de Mulleres do Rural-FADEMUR, coa colaboración, un ano máis, do organismo provincial lugués, e que este ano coincidirá coa conmemoración, o vindeiro 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Este evento naceu co obxectivo de dar a coñecer o labor de mulleres que decidiron emprender no rural galego.

Durante o acto, que contou coa presenza da Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; a Presidenta de Fademur-Galicia, Rosa Arcos; e o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García, Gómez Besteiro destacou que “reivindicar o papel que elas desempeñan e máis, no caso daquelas que viven no rural, onde moitas veces o seu labor queda calado, polo que nos sentimos moi orgullosos de colaborar con Fademur”, polo labor diario que as 15.000 integrantes da Federación levan a cabo para dar visibilidade “a todas as mulleres que poñen o seu espíritu emprendedor ao servizo da xeración de riqueza, de postos de traballo e, polo tanto, de futuro, no noso rural”. Dentro desta aposta polo rural, o Presidente avanzou que nos vindeiros días abrirá o 1º centro público en España de recría de gando vacún na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, no que a Deputación investiu, en solitario, 12 millóns de euros.

16 emprendedoras galegas
A Praza de San Marcos acollerá, dende hoxe e ata o vindeiro día 10 de marzo, unha carpa na que se porán á venda ducias de produtos de artesanía e alimentación feitos por 16 emprendedoras de toda Galicia: 3 procedentes da provincia da Coruña e outras tantas da de Pontevedra; 2 da de Ourense e 8 de Lugo. Trátase de Alfarería Lista, Beatriz Soneira, Caurelor, Cábala, Licores Os Maios, Adega Rozas, Cecilia Carballo, Idoia Cuesta, Plus de sucre, Granxa Maruxa, Lucecús, Peroja Sidra, Sese Vila, Artesanía Imavi, Lacrimae Mosa e Arte Caurel.

Os lucenses poderán mercar produtos moi variados: artesanía como a cerámica de Buño e de Monforte; encaixe de Camariñas; cestaría; traballos en feltro ou bisutería; e produtos de alimentación, como doces, castañas e derivados ou viños e licores.
A Feira da Muller do Medio Rural permanecerá aberta dende hoxe ata o vindeiro día 10 de marzo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

Entrega de premios o 8 de marzo
Como parte da programación deste evento, e coincidindo co Día Internacional da Muller está prevista unha entrega de premios a mulleres, que se outorgarán en recoñecemento á innovación da artesanía tradicional; á posta en valor da gastronomía; ao compromiso co sector primario e ao compromiso empresarial coa igualdade e o medio rural.

Así mesmo, están programadas diversas proxeccións audiovisuais, poñencias e coloquios, que terán lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.