Deputación de Lugo

A Deputación presenta un libro que percorre a historia de Cántigas e Aturuxos no ano do seu centenario

- Regina Polín, xunto ao editor Xosé Manuel Aldea e o escritor Ramón González, presentou hoxe a primeira publicación que aborda polo miúdo o percorrido do coro e que se acompaña dun CD con antigas gravacións- Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio Lucense. 1918 recompila libros de actas, vellas fotografías ou aparicións na prensa da época . Inclúe un CD con 20 temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro - A presentación do libro é un dos actos programados en homenaxe a esta agrupación musical, xunto con actuacións doutros coros históricos e unha exposición no CENTRAD

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo director da Editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea, e o escritor Ramón González, presentou este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o libro Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio Lucense. 1918, o primeiro que recolle polo miúdo a historia do coro lugués Cántigas e Aturuxos no seu centenario. Trátase dunha obra que publica Ouvirmos coa colaboración do organismo provincial e do Centro de Artesanía e Deseño.

Na presentación, na que tamén estivo presente a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, Polín subliñou a coidada edición desta obra, con “ilustracións, con reproducións de actas, aparicións nos medios de comunicación, fotografías dos integrantes do coro así como de actuacións, que nos revelan unha historia que é tamén a historia de Lugo”.

A Deputada destacou a importancia desta obra, xa que existen pequenas referencias nalgúns libros dedicados aos coros históricos, pero non había ningunha publicación que abordase e analizase de xeito exclusivo a historia do propio coro Cántigas e Aturuxos, “agrupación da que todos os lugueses nos debemos sentir orgullosos xa que a estas alturas se converteu en sinal de identidade non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia”.

“Co centenario de Cántigas e Aturuxos creemos que é o momento máis axeitado para situar a esta agrupación no lugar que merece, na historia e no corazón dos lucenses, onde seguramente permanecerá 100 anos máis”, sentenciou a Deputada.

O libro, “un fermoso e laborioso traballo que suporá un punto de inflexión na historia da música popular folclórica galega”, tal e como o caracterizou Polín, recolle a historia completa do coro lucense Cántigas e Aturuxos. Unha crónica reconstruída a través de libros de actas, discos de gramófono orixinais e unha exhaustiva recompilación de referencias á agrupación musical na prensa e na literatura da época. Este traballo de investigación comeza cun limiar de intencións, segue coas orixes de Cántigas e Aturuxos e coa presentación deste coro, así como cos seus primeiros concertos.
Despois de situar ao coro dentro da historia de Galicia, o libro fai referencia ao primeiro director deste grupo musical. As viaxes de Cántigas e Aturuxos, a súa relación coa revista Ronsel e cos escritores tamén se fan un oco nesta publicación. A publicación remata coa chegada do franquismo e a Fundación de Cántigas e Frores, tras esbozar os sinais que os anos de Réxime e a República deixaron nesta agrupación.

Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio Lucense. 1918 inclúe, ademais, un CD con vinte temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro, do ano 1918, e entre os que se inclúen a gravación do himno galego, foliadas, alalás e muiñeiras. As gravacións orixinais foron realizadas en dúas datas, en 1918 e en 1928, estas últimas nos salóns da Deputación.

100 anos de Cántigas e Aturuxos
Dentro da programación que conmemora o centenario de Cántigas e Aturuxos tamén se inclúe a actuación de coros históricos, como o Coro Toxos e Froles, a Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra, os días 21 e 28 de marzo, e o 4 e 11 de abril, respectivamente. Todas as funcións musicais, totalmente gratuítas, terán lugar no Salón de Actos da Deputación, a partir das 19:00 horas.

Unha mostra aberta ao público, tamén de balde, sobre as primeiras gravacións lucenses deste coro, que acollerá a partir do vindeiro 19 de marzo o Centro de Artesanía e Deseño, porá o broche de ouro a estes actos de recoñecemento, “que poñen en valor a música e a cultura luguesa”, segundo destacou Polín.