Deputación de Lugo

A Deputación impulsa un ano máis a Semana Santa lucense cunha achega de 12.000 euros

- Lara Méndez participou hoxe na presentación do cartel e programa de actos que terán lugar na capital da provincia, e en cuxa organización participan unhas 3.000 persoas - A Vicepresidenta subliñou que a cita “é unha oportunidade económica e turística de primeira magnitude”, destacando os positivos datos de ocupación hoteleira que cada ano rexistra a provincia nesas datas

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou hoxe na presentación do cartel e o programa de actividades da Semana Santa lucense, acto organizado pola Xunta de Cofradías e na que estivo presente o seu coordinador xeral, Ramón Basanta. O organismo provincial colaborará un ano máis con esta cita, que habitualmente conta coa participación activa dunhas 3.000 persoas, e que supón un importante pulo para o turismo da provincia nesas datas. A Deputación fai unha achega de 12.000 euros, que serán destinados a cubrir os gastos derivados da organización e promoción de diferentes actos da Semana Santa lucense.

No acto, ao que tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; Méndez agradeceu o traballo realizado polas Cofradías para promover “non só a Semana Santa lucense, a cidade e a provincia de Lugo, porque, á marxe do seu significado para os católicos, esta cita é unha oportunidade económica e turística de primeira magnitude”. Méndez destacou os positivos datos que rexistra cada ano esta festividade, logrando unha ocupación hoteleira media en toda a provincia dun 90%, segundo sinalou Basanta, quen agradeceu á Deputación que “se mostre sempre disposta a colaborar neste tipo de actividades e a importancia da sinatura deste convenio para poder mellorar ano a ano a Semana Santa que todos os lucenses merecen”.

O organismo provincial colabora así coa Xunta de Cofradías, que engloba a seis irmandades da capital lucense: A Borriquita, Virxe da Esperanza, Desencravo do Señor e dos Maiores Dolores de María Santísima, Bo Xesús e do Nazareno, Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, Sacramental e Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén.

Colaboración do Centrad
Por outra banda, a Deputación estende a súa colaboración coa Semana Santa ao Centrad, no que os seus artesáns foron os encargados de recuperar o manto que lucirá a imaxe da Virxe dos Dolores, que data dos anos 50, e que está bordado en fío de ouro. Esta tampouco é a primeira vez que o Centrad colabora coa Semana Santa lucense, xa que en anteriores ocasións os artesáns do centro encargáronse, por exemplo, de confeccionar preto de 50 traxes para popular Cofradía da Borriquita.