Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación lamenta o falecemento de Francisco Cacharro Pardo e decreta tres días de loito oficial

Imaxe deputación de lugo
- Dende esta tarde e ata o martes incluído, quedan suspendidos todos os actos oficiais da institución e as bandeiras ondearán a media asta e con crespón negro- A proposta da Deputación á familia, a capela ardente do expresidente situarase no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. Estará aberta a partires das 18:00 horas- Gómez Besteiro avanzou que se está a elaborar unha declaración institucional, na que se recollerán os acordos decretados

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou este domingo o falecemento de Francisco Cacharro Pardo, “unha persoa que, sen dúbida, ocupa unha parte importante na historia desta provincia e desta administración, da que foi Presidente durante 24 anos, dende 1983 e ata 2007”.

Gómez Besteiro expresou e trasladou, no seu nome e no de toda a Corporación Provincial, “as máis sentidas condolencias” e o “pésame sincero” “a toda a súa familia e a amigos”.

O Presidente decretou tres días de loito oficial, que comenzarán esta mesma tarde e ata o martes incluído, durante os cales se suspenden todos os actos públicos oficiais da institución, e as bandeiras ondearán a media asta e con crespón negro.

Gómez Besteiro apuntou que a Deputación ofreceu á familia de Cacharro Pardo instalar a capela ardente no Pazo de San Marcos, unha proposta que foi aceptada polo que esta se situará no Salón de Plenos Provincial. Estará aberta a partires das 18:00 horas de hoxe.

O Presidente avanzou que se está a elaborar unha declaración institucional polo falecemento de Cacharro Pardo, na que se recollerán todos estes acordos.