Deputación de Lugo

OS GUÍAS TURÍSTICOS DOS CATAMARÁNS EMPREGARÁN TAMÉN O CASTELÁN NAS SÚAS EXPLICACIÓNS DAS RUTAS

Imaxe deputación de lugo
• Equipo de Goberno que dirixe Elena Candia lembra que ata agora a Deputación Provincial de Lugo só ofrecía este servizo en galego o que dificultaba o entendemento por parte de visitantes procedentes de fóra da comunidade autónoma, que trasladaron de xeito reiterado as súas queixas ao respecto • Ademais de que os profesionais ofrezan un servizo bilingüe (galego e castelán), o novo goberno provincial está a estudar que as embarcacións se doten de audioguías ao servizo daqueles usuarios que as requiran con informacións gravadas noutros idiomas a maiores do galego e do castelán

Lugo, 11 de xullo de 2015.- O novo Equipo de Goberno da Deputación de Lugo anunciou hoxe que os guías turísticos dos catamaráns na Ribeira Sacra empregarán o castelán durante este verán tamén nas súas explicacións durante as rutas fluviais.

Dende a área de Turismo, que dirixe Juan Carlos Armestro Quiroga, lembran que o emprego doutro idioma, a maiores do galego, é unha das reivindicacións dos usuarios dos servizos de catamarán da Deputación Provincial de Lugo. “Ata agora a administración provincial ofrecía as distintas informacións en galego o que dificultaba o entendemento por parte de visitantes, unha ampla maioría procedente de fóra da comunidade autónoma”.

Así, co novo goberno provincial as informacións que trasladan os profesionais durante as rutas de catamarán ofreceranse tanto en galego como en castelán. Ademais de ofrecer un servizo bilingüe, dende o departamento de Turismo están a estudar a posibilidade de dotar ás embarcacións de audioguías. Este sistema electrónico permitirá realizar guías personalizadas noutros idiomas, a maiores do galego e do castelán.

A mellora na atención aos usuarios das rutas de catamarán é outra das demandas que os populares trasladaron mentres estaban na oposición para que foran resoltas polo anterior goberno provincial. Agora con responsabilidades de goberno, o equipo que dirixe Elena Candia está a dar resposta a esta demanda dos visitantes. “A atención aos visitantes e a imaxe que perciban é vital para que os usuarios fagan unha valoración positiva deste servizo e se potencie o seu uso, sendo un recurso turístico de importancia para a Ribeira Sacra”.