Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, principal patrocinador do VIII Salón Equigal, referencia do mundo do cabalo en Galicia

- Lara Méndez acompañada de Rubén López presentou a 8ª edición do evento que se celebrará entre os días 5 e 7 de xuño no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo- Lara Méndez destacou a rendabilidade desta cita, que xerou un volume de negocio de máis de 300.000 euros en pasadas edicións e recibe máis de 8.000 visitas- O Salón contará coa participación de máis de 40 gandeirías, 29 delas galegas e destas 7 lucenses, e outras de Sevilla; Lleida; Barcelona; Segovia; León; Valladolid; Salamanca; Asturias; Cantabria e Murcia

A Vicepresidenta Segunda en funcións, Lara Méndez, acompañada por Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos, presentou hoxe no Salón de Actos de San Marcos, a 8ª edición de Equigal, feira equina de referencia en Galicia. A presente edición terá lugar entre os días 5 e 7 de xuño no recinto do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Lara Méndez subliñou que a Deputación mantén unha intensa colaboración coa Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, e vén sendo o principal patrocinador deste evento, que se ten revelado non só como o salón do cabalo máis importante de Galicia, “senón como unha iniciativa verdadeiramente rendible, xa que adoita xerar en cada edición un volume de negocio de máis de 300.000 euros”, destacou a Vicepresidenta en funcións. Hai que ter en conta que Equigal é, ademais, a 2ª feira máis destacada do territorio nacional, só superada polo SICAV de Sevilla.

Isto é grazas aos máis de 8.000 visitantes que se achegan ata a cidade, atraídos pola calidade deste Salón, que conta co recoñecemento de Feira Internacional, o que supón un importante elemento dinamizador non só do mundo do cabalo –a cabana gandeira galega multiplicouse por catro nos últimos anos-, senón doutros sectores, como o primario, o do ocio e o deporte e, indirectamente, do sector servizos, grazas á afluencia de participantes e visitantes contribúe a impulsar os negocios locais.

Pola súa banda, Rubén López agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores e, en especial, a da Deputación de Lugo, fundamental para a continuidade deste evento, e destacou a atracción crecente que esta feira ten para o sector, destacando a presenza de gandeirías de primeira liña, coma Torreluna, de Sevilla, ou a de Fernando López-Hierro del Caldero, de Salamanca.

Equigal tamén conta coa colaboración doutras administracións e empresas, como o Concello de Lugo, ou a Fundación Rof Codina, o Club Hípico Equigal, a Asocación Deportiva Lucense de Doma; ou Forraxes Lugo.


Desenvolvemento dos actos
Equigal reunirá novamente, entre o 5 e o 7 de xuño, a milleiros de aficionados ó mundo do cabalo e de máis de 40 gandeirías, 29 das cales son galegas e destas 7 lucenses, e o resto procedentes de Sevilla; Lleida; Barcelona; Segovia; León; Valladolid; Salamanca; Asturias; Cantabria e Murcia.

A axenda está chea de actividades pensadas para os profesionais, como os Concursos Morfolóxicos de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, cuxos exemplares estarán expostos para o público. Tamén contarán cunha zona de venda, xunto con outras pensadas para os máis novos, como un Espectáculo Carrusel Infantil ou as actividades que se celebrarán a diario na zona de ocio infantil.

Pero tamén haberá actividades para todos os públicos, como o Carrusel de Hípica que se celebrará o sábado 6 de xuño, ou o espectáculo ecuestre de Pura Raza Galega o día 7.

Durante os tres días da Feira celebrarase un mercadillo de libros antigos, descatalogados e de ocasión, no que se porán á venda máis de 2.000 exemplares algúns de interese coma primeiras edicións de obras como La colmena ou Cien años de soledad.

O horario de apertura ao público será de 16:00 a 21:00 horas o día 5 de xuño; de 11:00 a 21:00 horas o sábado e de 11:00 a 18:00 horas o día 7 de xuño.