Deputación de Lugo

1.200 lucenses maiores de 50 anos poderán participar na 5ª edición de Termalismo no Camiño

- Lara Méndez presentou este luns unha nova edición do programa de acceso a paquetes de saúde e benestar en balnearios da provincia situados a pé do Camiño de Santiago- A Deputación ofrece un ano máis a todos os lucenses maiores de 50 anos descontos de ata 60 euros para recibir tratamentos nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei - O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.gal. Máis información no 982 260 075

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada da Directora Comercial de Aguas Santas, Laura Cota; o Director do Balneario de Lugo Termas Romanas, Antonio Garaloces, e o Director de Calidade do Hotel Balneario Río Pambre, Ángel García, presentou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a 5ª edición de Termalismo no Camiño, o programa de saúde mineromedicinal organizado pola institución provincial e que fai da provincia epicentro do turismo termal.

A Vicepresidenta destacou que “arrancamos unha nova edición desta programación logo do éxito das anteriores convocatorias, coas que preto de 4.000 persoas accederon a instalacións termais da provincia con importantes descontos. Con Termalismo no Camiño impulsamos, ademais, un sector clave para a económica, como é o termal, que xera riqueza e emprego, combatendo o despoboamento demográfico. Unhas 150.000 persoas visitan ó ano Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, posto que conta con 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen. Lugo conta, a maiores, con balnearios ó pe dos 800 quilómetros de rutas de peregrinación, convertendo á provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional como internacional. Hai que destacar, ademais, que os balnearios son exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso e fixando poboación grazas á creación de emprego local”.

Con esta nova convocatoria, a institución provincial lucense pon a disposición dos lucenses maiores de 50 anos un total de 1.200 prazas para acceder, entre os meses de maio e decembro, aos tratamentos ofrecidos en tres balnearios da provincia: Augas Santas, Río Pambre e Lugo.

Os datos ofrecidos polo Observatorio Nacional del Termalismo y Desarrollo Rural avalan a consideración do turismo de saúde coma un importante elemento de promoción turística nacional e internacional, xunto co Camiño de Santiago. Por iso, o feito de que Lugo conte con balnearios situados ó pé dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno é un factor diferencial capaz de fixar poboación grazas á creación de emprego local e dinamizar a economía das zonas nas que se insertan, que son esencialmente rurais, coa afluencia de usuarios en calquera época do ano.
Descontos en 1.200 prazas
Termalismo no Camiño ofrece descontos de ata 60 euros en balnearios lucenses dos seguintes paquetes de prestacións:

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
8 técnicas de balneario
1 recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves: programa de animación sociocultural

Cada beneficiario poderá acudir cun acompañante, que poderá participar no programa aínda que non cumpra os requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadronado na provincia.

Por vez primeira, e para achegarse ao maior número de lucenses posible, Termalismo no Camiño ofrecerá atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, garantíndolles a asistencia para o acceso a piscinas e habitacións, así como programas especificamente deseñados para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, con entornos adaptados e favorecedores do descanso de familiares e coidadores. Para beneficiarse destas vantaxes só será necesario que o beneficiario acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e presente un informe médico favorable.

Inscricións
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.gal, xunto cunha fotocopia do DNI.

Unha vez seleccionados, os propios participantes ou ben un familiar directo, deberán recoller na Deputación (Servizo de Relacións Institucionais) os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.

Máis información en www.deputacionlugo.gal e no 982 260 075.