Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO E O CONCELLO DE FOZ ASINAN O CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA HUMANIZAR AS AVENIDAS DA MARIÑA E ÁLVARO CUNQUEIRO

O organismo provincial atende a unha petición da administración local, que permitirá impulsar o comercio nestas rúas de titularidade da Deputación a través dun proxecto que se desenvolverá tras buscar o maior consenso posible A axuda económica diríxese a colaborar cos gastos de elaboración dos estudos técnicos e proxectos iniciais coa finalidade de conseguir un entorno urbano á medida das persoas

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asinaron o convenio de colaboración entre a administración provincial e o Concello, cuxa subvención excepcional se dirixe a humanizar as avenidas da Mariña e de Álvaro Cunqueiro.
En concreto, a axuda, por importe de 12.000 euros, que a Deputación de Lugo destina á administración local ter por finalidade afrontar os gastos derivados dos estudos técnicos e proxectos iniciais desta obra de reforma, co obxecto de redactar un anteproxecto que poda servir de base para “traballar e buscar o maior consenso posible”.
Estas rúas teñen unha idea orixinal de ser travesía de paso e de circulación de vehículos polo centro da localidade “sendo secundario o desfrute da vía urbana polo veciño”, explica Candia, polo que “a idea que nos trasladou o Concello é a conseguir un entorno urbano á medida das persoas, gañando espazo para os peóns e mellorando o aspecto”.
A maiores, o proxecto no que se traballará tamén permitirá potenciar o comercio nesta localidade, xa que estas dúas avenidas é onde se ubican unha gran parte dos comercios locais de Foz.
Por último, a presidenta da Deputación lembrou que este convenio de colaboración aprobouse na Xunta de Goberno do pasado venres e que a finalidade do novo goberno provincial é o de ser “solución aos problemas e ás necesidades que teñen os concellos, analizando de xeito eficaz o emprego dos recursos e actuando onde haxa necesidades reais e indiscutibles”.