Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DESTINA PRETO DE 51.000 EUROS A POTENCIAR A ACTIVIDADE FORMATIVA DO CAMPUS UNIVERSITARIO DE LUGO

A presidenta da Deputación e o reitor da USC asinaron hoxe dous convenios cos que se reafirma o compromiso da administración provincial coa universidade, unha colaboración entre as dúas institucións que Candia cualifica de “básica e necesaria para continuar a construír un campus de calidade”A axuda concedida pola administración provincial diríxese tanto ao fomento das titulacións de máster no Campus de Lugo, cunha achega de 30.000 euros, como para sufragar gastos de cursos de verán, por un importe de 20.800 euros

A Deputación de Lugo destina preto de 51.000 euros a potenciar a actividade formativa do Campus Universitario de Lugo. En concreto, as achegas da administración provincial diríxense, por un lado, a fomentar as titulacións de máster, e por outro lado, á realización de cursos de verán na provincia.
A presidenta da Deputación, Elena Candia, e o reitor da USC, Juan Viaño, xunto ao vicerreitor de coordinación do Campus Universitario de Lugo, Javier Bueno, asinaron esta mañá os dous convenios de colaboración, que poñen de manifesto o apoio firme e decisivo da administración provincial coa USC.
Durante a súa intervención, Elena Candia reafirmou o compromiso colaborador do goberno provincial coa USC co obxecto de “seguir a construír en Lugo un campus de calidade, capaz de ofrecer unha oferta educativa e de vangarda e no que se incremente a demanda do alumnado”. Neste senso e segundo engade a presidenta, “a promoción é esencial para poñer en coñecemento do alumnado a oferta da USC no Campus de Lugo”.
Convenios
Un dos convenios aprobados esta mañá diríxese ao fomento das titulacións de máster no Campus de Lugo, para cuxa finalidade a Deputación achega un importe de 30.000 euros. “A través desta contribución permitiremos promocionar estas titulacións e que se melloren os recursos humanos e materiais, ata o punto de que recibirán axuda dez titulacións de máster oficial que se imparten en Lugo”, matizou a presidenta.
En canto ao segundo dos convenios asinados, a través dun importe de 20.800 euros, a Deputación de Lugo promociona os cursos de verán da USC que se imparten na provincia de Lugo. Neste ano, incrementáronse nun 67% o número de propostas, pasando de 15 a 25, cun total de 438 alumnos.
Outras colaboración coa USC
A Deputación de Lugo tamén está a articular coa Universidade de Santiago de Compostela o desenvolvemento futuro das prácticas do alumnado da Facultade de Veterinaria na Granxa Gayoso Castro. Unha iniciativa que conta co máximo agrado das dúas institucións, de xeito que a actual unidade de leite da Granxa Gayoso Castro se reorientará a un centro tanto docente como investigador.
Neste senso, a presidenta da Deputación engadiu que esta proposta non só amplía a colaboración coa USC senón que “se trata tamén dunha iniciativa de apoio ao sector primario, xa que dende unha administración pública non se pode estar a facer competencia desleal aos gandeiros”.
Por último e nesta liña de afondar na colaboración entre a Deputación e a USC, Candia tamén lle propuxo aos responsables da institución educativa a posibilidade de que os alumnos da Facultade de Humanidades podan participar coas súas achegas na elaboración dos contidos a través dos que se promocionan os produtos turísticos da provincia e que se colgan nos perfís webs da Deputación. Deste xeito, apoiaríase ao alumnado e potenciaríase a Facultade de Humanidades. Esta suxestión da presidenta da Deputación foi moi ben acollida polo reitor.