Deputación de Lugo

CANDIA AVANZA QUE OS ORZAMENTOS DA DEPUTACIÓN SALDARÁN A DÉBEDA CONTRAÍDA COS CONCELLOS CUN INCREMENTO DE FONDOS DESTINADOS A AXUDA NO FOGAR

A presidenta da institución reiterou o compromiso do goberno provincial co benestar e no 2016 dotarase a partida orzamentaria dos fondos suficientes para atender ás reclamacións dos municipios que piden que se lle dea cumprimento ao decreto de servizos sociais• A Xunta de Goberno de hoxe resolveu as subvencións dirixidas a sufragar os gastos correntes do SAF, por un importe de 1,2 millóns de euros, despois de incrementar a partida en medio millón • Este órgano tamén concedeu subvencións a 33 propietarios de embarcacións de pesca de baixura, por un importe total de 95.285,07 euros

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, avanzou hoxe que a pretensión do goberno provincial é a de dotar á correspondente partida orzamentaria dos fondos suficientes durante as contas de 2016 para saldar as débedas contraídas cos concellos en materia do Servizo de Axuda no Fogar.
A presidenta da institución reiterou o compromiso da Deputación co benestar e, neste senso, están a traballar para atender ás reclamacións dos municipios que solicitan o cumprimento do decreto de servizos sociais, despois de que o anterior goberno provincial se negase a atender maioritariamente o servizo de axuda no fogar.
Candia deu estas declaracións tras a celebración da Xunta de Goberno desta mañá na que se aprobaron as subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos correntes do servizo de axuda no fogar na modalidade de prestación básica, por un importe de 1,2 millóns de euros, tras incrementar a partida en medio millón de euros.
“Nada máis chegar ao goberno duplicamos a axuda para o SAF respecto ao que destinaba o anterior goberno a comezos do último mandato”, unha decisión que a propia presidenta “considera insuficiente, pero atopámonos con limitacións orzamentarias que nos impediron durante este 2015 incrementar o crédito nunha contía maior”.