Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO DESTINA UN 71,43% MÁIS QUE O BIPARTITO PARA A AXUDA NO FOGAR BÁSICA DE CADA CONCELLO DA PROVINCIA

O Executivo Provincial desminte as declaracións do PSOE no tocante ao reparto das subvencións nos Concellos lucenses para financiar o SAF e aclara que non se discrimina a ningún municipioO actual Goberno provincial non variou o reparto porcentual do investimento entre os Concellos, senón que continúa a ser o mesmo que no seu día asignou o bipartito, incrementando, a maiores, as axudas para todos os municipios cunha achega de 500.000 euros

O voceiro do grupo provincial popular, Carlos Armesto e a vicepresidenta segunda e deputada delegada de benestar, igualdade e xuventude, Mari Teijeiro, manifestaron, esta mañá, que a Deputación de Lugo destina un 71,43% máis que o anterior Goberno bipartito ao Servizo de Axuda no Fogar básico de cada Concello lucense logo de que o actual executivo decidise destinar 500.000 euros máis a este servizo.
Nunha rolda de prensa ámbolos dous deputados tildaron de falsas as declaracións dos socialistas e deixaron moi claro que o actual Goberno provincial non variou, en absoluto, o reparto porcentual do investimento entre os Concellos senón que continuaron coas subvencións, bases e porcentaxes que PSOE-BNG aprobaron o pasado día 13 de marzo de 2015 nunha Xunta de Goberno.
“Se falan de discriminación é preciso que dean explicacións eles mesmos, xa que o reparto das subvencións fíxose atendendo aos criterios técnicos e as bases que eles estipularon”- manifestaron os populares quenes insistiron que o calculo e baremación de criterios foi técnico e a única decisión política foi a de incrementar a partida nun total de 500.000 euros mais, o que favorece que todos e cada un dos concellos reciba un 71,43% mais do que ían recibir se continuase no goberno o bipartito.
Con datos na man, Armesto e Teijeiro aseguraron que co goberno do PP todos os concellos da provincia de Lugo, con independencia da cor política, experimentan unha suba dos recursos destinados a axuda no fogar. “Os Concellos gobernados polo partido popular, o 50% do total, 33 municipios, perciben o 57% dos recursos; os do PSOE reciben 163.031 euros máis que cando gobernaba o bipartito, un total de 391.271 euros e os municipios do BNG 37.229 euros máis, ata sumar 89.351 euros”- expuxeron.

Voceiro e Vicepresidenta segunda acusaron aos socialistas de denunciarse a si mesmos posto que “están criticando o que eles mesmos aplicaron no seu día”, polo que os instaron a responder a esas diferenzas e discriminacións das que hoxe falan dende a oposición.

Os populares manifestaron que non ten sentido que os socialistas centren as súas críticas na poboación e insistiron en que se o criterio a ter en conta soamente fora a este, o PSOE ten que explicar por que, por exemplo, un Concello como Baleira cunha poboación de 1.392 persoas recibiu 26 euros por habitante, mentres que un Concello como Sarria, con 13.504 percibiu 0,20 euros por habitante.

Armesto e Teijeiro insistiron en que tivo que chegar un Goberno popular á Deputación de Lugo para que todos os Concellos perciban máis recursos para axuda no fogar e deixaron claro que as próximas bases non permitirán a discriminación que aplicou o PSOE no seu día, polo que serán revisadas.

“É comprensible que lles custe asumir que o Partido Popular estea a facer en apenas un mes o que eles non fixeron en oito anos, pero erran facendo críticas a este proceso que é totalmente limpo, transparente e respectou o 100% as regras de xogo que eles mesmos marcaron”- concluíron.