Deputación de Lugo

O GOBERNO PROVINCIAL “DESATASCA” A OFERTA DE EMPREGO PÚBLICA DOS ANOS 2014 E 2015

O avance nestes procesos permite crear emprego e cubrir as necesidades laborais de determinados servizos da Deputación como é o de Recadación• A Deputación cede o uso gratuíto da parcela situada en Codesido á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo• A Xunta de Goberno tamén autoriza o uso da finca do Pazo de Tor a Prodeme, de xeito gratuíto e por un período de catro anos

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, explicou hoxe que o Goberno provincial “desatascarᔠa Oferta de Emprego Público aprobada para os anos 2014 e 2015 e cuxa tramitación “levaba moito tempo paralizada pola desidia dos socialistas, sen coñecermos o motivo”. A maiores de darlle continuidade ás OEP´s, tamén se iniciarán outros procesos, respectando a taxa de reposición, para reforzar algúns servizos con necesidades especiais como é o de Recadación.
En concreto, no ano 2014 o contido da OEP inclúe unha praza de acceso libre de técnico de xestión, que se convocou pero non se lle deu continuidade. A maiores hai 18 prazas de promoción interna, tanto de persoal funcionario, como de persoal laboral e de persoal laboral en proceso de funcionarización, cuxos trámites para a súa cobertura non foron iniciados.
A denominación das prazas de promoción interna de 2014 para persoal funcionario, que o Goberno socialista paralizou, son a de tres administrativos da Administración Xeral, a de dous auxiliares da Administración Xeral, a dun letrado, a dun oficial de taller do libro, a dun técnico superior de FP Informática e a de cinco técnicos de xestión. Para persoal laboral hai unha vacante para maquinista da Granxa Gayoso Castro e, por último, para persoal laboral en proceso de funcionarización hai un auxiliar de enfermería, un auxiliar administrativo e un capataz. Para máis información, a Oferta de Emprego Público da Deputación para o ano 2014 recóllese no Boletín Oficial da Provincial do venres, 1 de agosto de 2014.
En canto á Oferta de Emprego Pública para 2015, que figura no BOP do 7 de marzo de 2015, as prazas de promoción interna que desbloqueará e dará trámite o Goberno da Deputación son para persoal funcionario, a de dous administrativos da Administración Xeral, a dun oficial/patrón portuario e a de dous auxiliares de Administración Xeral. No que respecta ao persoal laboral, hai aprobada e sen iniciar o proceso dunha vacante para oficial/patrón portuario e dúas prazas para oficial de oficios múltiples.
A presidenta da Deputación defendeu a importancia deste acordo xa que ademais de cubrir as necesidades laborais de servizos da administración provincial tamén se xera emprego.
Convenio coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo
A Deputación de Lugo tamén acordou hoxe ceder a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo o uso gratuíto da parcela situada en Codesido, na parroquia de Santa María de Muxa, para os fins e actividades que desenvolve esta entidade. En concreto, a cesión gratuíta desta parcela cunha extensión de 41.560 metros cadrados, efectuarase durante un período de 10 anos.
Elena Candia explicou que, a través deste convenio, o Goberno está a atender a unha petición da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, para que “poda dispoñer de maior espazo e que as súas actividades podan realizarse nas mellores condicións posibles, facilitando o aloxamento dos animais, para proporcionarlles un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico”.
Deste xeito, a presidenta da institución fai realidade o compromiso asumido coa Sociedade durante a súa visita ás instalacións da protectora e na que manifestara a súa preocupación pola situación de dificultade que atravesaba como consecuencia da saturación polo gran número de animais que foron abandonados e que se atopan nas súas instalacións.
Convenio con ProdemeA Deputación de Lugo tamén acordou hoxe a cesión do uso da finca do Pazo de Tor, situada en Monforte, á Asociación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual (PRODEME). Esta autorización demanial será gratuíta e por un prazo máximo de catro anos incluídas as prórrogas, coa aceptación da súa revogación unilateral por parte da Administración provincial en calquera momento.
Con esta decisión a Deputación de Lugo está a responder a un compromiso asumido a raíz da solicitude da Asociación que pedía dispoñer de máis terreo para incrementar as súas actividades ocupacionais agrícolas-gandeiras e, en particular, para un taller relativo á explotación agropecuaria con gando ovino, vacún e porcino. Con máis de 1.500 cabezas de gando, Prodeme precisa aumentar a súa superficie agrícola.
A presidenta defendeu a “gran finalidade social” desta iniciativa que permitirá “a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a súa integración socio-laboral”. Prodeme, que conservará e manterá a finca do Pazo de Tor, presta servizos residenciais, de atención ocupacional e Centro Especial de Emprego a persoas con discapacidade.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou a validación de facturas por un importe de 104.000 euros, tras que o anterior Goberno incorrera en irregularidades administrativas e, polo tanto, non seguira os pasos oportunos na súa tramitación.
A presidenta da Deputación explicou que se tratan de servizos “tan básicos, como o de alumeado, da seguridade da administración ou de telefonía, ademais de alimentos para a Granxa Gayoso Castro”. Este trámite que aprobou hoxe o Goberno demostra a “falta de xestión e de responsabilidade dos socialistas na Deputación”.
A administración provincial tamén aprobou o plan de seguridade no traballo da obra do Vicedo para a rehabilitación de firme na estrada provincial LU-P-6405 de Vicedo, Progreso, por Vilasuso ao Alto de Moreiras e Ramal a Praia de Xilloi.