Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO ILUMINARÁ O PASEO FLUVIAL DO RÍO RATO

Imaxe deputación de lugo
A presidenta defendeu o ánimo colaborador da administración provincial con todos os concellos lucenses• Candia defende de “moi necesaria” esta actuación que permitirá valorizar esta zona

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou hoxe que o organismo provincial iluminará, con cargo a fondos propios, o paseo fluvial do Río Rato así como a estrada LU-P-2925.
Candia explica que se está a estudar o desenvolvemento desta proposta, que cualificou de “firme” por parte do Goberno provincial ademais de “moi necesaria” . Esta actuación permitirá valorizar esta zona, na que os veciños realizan actividades de tempo libre, ademais de pasear e desfrutar da natureza que ofrece este percorrido.
Esta obra, que acometerá a Deputación de Lugo, redundará no beneficio dos veciños de Lugo ao ser este tamén un dos lugares máis concorridos da localidade. A realización das obras e dos elementos necesarios para dotar de iluminación este vial e todas as zonas verdes contribuirá a maiores no incremento dos niveis de seguridade.
A presidenta do organismo provincial tratará esta mellora nunha reunión coa alcaldesa da localidade, que previsiblemente se celebrará a medio prazo. A data deste encontro non se puido concretar ao non atopar a rexedora municipal polo de agora un oco na súa axenda, pese a ser ela a que solicitou a reunión e á que dende a Deputación se lle respondeu con celeridade.
Por último, a responsable do organismo provincial defendeu o ánimo colaborador da administración provincial con todos os concellos lucenses “a que a cooperación entre organismos é a forma que permite acadar maiores beneficios ademais de optimizar os fondos de todos os lucenses”.