Deputación de Lugo

A Deputación oferta 29 novos cursos no InLugo para que 400 maiores melloren o seu coñecemento en novas tecnoloxías

• InLugo, xestionado pola TIC, convoca no 3º trimestre do ano 400 prazas gratuítas en 29 actividades• Ramiro Moure avanzou a ampliación do programa ao resto da provincia para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, independentemente do seu lugar de residencia• Toda a información dos cursos está nas webs www.fundaciontic.org e www.deputaciolugo.org, nas que xa está aberto o prazo de inscrición ou ben chamando ao 982 225 186

O Deputado de Novas Tecnoloxías, Ramiro Moure, presentou este venres a programación dos cursos e obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías para maiores que se desenvolverán durante o último trimestre do ano no Centro de Innovación Social InLugo. Logo do éxito da anterior convocatoria, na que se inscribiron 391 persoas, ofértanse 400 prazas para as 29 accións formativas. Estes cursos están organizados pola Fundación TIC, que se encarga da promoción de actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías entre os lucenses de todas as idades.

A Deputación organiza esta programación destinada ás persoas maiores especialmente pensada para aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Ramiro Moure destacou que “esta iniciativa, pretende contribuír a reducir a chamada “ferida dixital” entre este sector de poboación ademais de prestar apoio a todos aqueles que desexen mellorar no uso das tecnoloxías”. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tablet ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais. Polo que se refire aos talleres, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, a tablet ou as vídeo consolas.

Novidades
Unha das novidades, e tendo en conta as peticións da maioría dos usuarios de repetir e de facer os cursos de máis duración, é a implantación dunha serie de talleres curtos, de reforzo, en sesións de dúas horas os venres en horario de mañá, para mellorar e continuar coa aprendizaxe, afianzando e potenciando os coñecementos adquiridos nos cursos realizados.
Ramiro Moure tamén avanzou a “intención de ampliar a toda a provincia os cursos e obradoiros para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, independentemente do seu lugar de residencia, e poñer en marcha novos servizos, que estarán a disposición de todos os lucenses de máis de 55 anos”.
Éxito da anterior convocatoria
Na anterior edición dos cursos para maiores participaron 259 persoas que destacaron o acertado enfoque práctico das accións formativas. Moitos deles insistiron en que incluíron nas súas rutinas o aprendido nas sesións, como empregar o correo electrónico, solicitar cita para o médico por internet ou realizar vídeo chamadas para manterse en contacto con amigos e familiares. O servizo de formación do InLugo non só ofrece cursos e obradoiros temáticos senón que contan cun servizo de asesoramento permanente gratuíto para solucionar as dúbidas dos maiores no ámbito das novas tecnoloxías ó que poden acudir en persoa ou poñerse en contacto por Internet ou teléfono.
Últimas prazas nos cursos As actividades comezarán o 29 de setembro na sede do InLugo. En total 400 prazas repartidas en 29 obradoiros e cursos, dos que 9 xa teñen todas as prazas cubertas no día de apertura de inscricións. Para os outros, os interesados aínda poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Todas estas actividades están incluídas na actuación Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.