Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN CONCEDE 14.500 EUROS Á ASOCIACIÓN LUCENSE DE ESCLEROSE MÚLTIPLE

Sinatura de dous convenios entre o Organismo Provincial e ALUCEM• Trátase dunha subvención destinada a dous programas para a atención integral de persoas afectadas por esta enfermidade • O Organismo Provincial aboará o 60% da axuda como anticipo á conta, con dispensa de garantía

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, e a presidenta da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, Ángela María Lopes Barata, asinaron dous convenios, por valor de 14.500 euros, destinados a dous programas para atención integral de persoas afectadas por esclerose múltiple.
Candia destacou a importancia de axilizar a sinatura destes convenios, o que favorece que as entidades poidan solicitar un adianto do 60% das axudas concedidas por dispoñer da liquidez que axude ao financiamento dos proxectos que teñen en marcha.
A presidenta agradeceu a labor que fai ALUCEM e outras entidades que traballan para dar cobertura a necesidades específicas dos diferentes colectivos sociais da provincia. Candia lembrou que esta asociación lucense atende a máis de 80 persoas que padecen esta enfermidade ademais de apoiar as súas familias con servizos básicos para a súa atención integral como fisioterapia e atención psicosocial.
Esta axuda concédese logo de ver o informe de Benestar que considera que a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple reúne todos os requisitos necesarios para optar á subvención e vista a certificación do Servizo de Intervención, Secretaría Xeral, Contratación e Fiscalización.