Deputación de Lugo

A XUNTA DE GOBERNO APROBA A ADXUDICACIÓN DA ÚLTIMA FASE DE ALLEAMENTO DE ACCIÓNS DO CLUB BALONCESTO BREOGÁN

A presidenta da Deputación de Lugo transmite unha mensaxe de tranquilidade, normalidade e compromiso co BreogánCandia tamén anunciou a creación dunha Comisión para a elaboración dos Orzamentos do 2016 que ten como novidade facer partícipes aos grupos da oposición

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde á adxudicación da última fase de alleamento de accións do Club Baloncesto Breogán.
Esta decisión chega despois de que a comisión de adxudicación das accións do Breogán acordase esta mañá pechar todas as incidencias que estaban pendentes de resolver, e que correspondían ás fases I e II do procedemento de venda.
Neste senso, acordouse corrixir un erro de formalización da venda de accións producido na fase previa, desenvolvida co anterior goberno provincial, que consistiu na adxudicación de case 9.000 accións a un particular que só comprara 500. Neste momento é preciso modificar a escritura pública que contén este erro para poder continuar coa adxudicación e posterior formalización en escritura pública.
Aprobouse tamén a adxudicación das 25.716 accións que aínda quedaban en poder do Organismo Provincial aos oferentes que solicitaran a súa adquisión, constatando que a demanda de accións é superior á oferta, de xeito que está previsto emprazar aos adxudicatarios para formalizar a escritura pública de adquisición de accións ao longo do mes de setembro.
CELERIDADE E RIGOR FRONTE O QUE FOI UN PROCESO CAÓTICO
A presidenta lembrou que o plan de alleamento do paquete de 74.798 accións do Breogán propiedade da Deputación iniciouse o 25 de outubro de 2013; a I fase da venda aprobouse o 27 de decembro de 2013; a II fase o 28 de de marzo de 2014 e, finalmente, a III fase o 22 de maio de 2015.
Candia agradeceu a especial implicación dos funcionarios para sacar adiante o procedemento de venda, que a presidenta definiu como “caótico”, coa maior celeridade e rigor. Foi necesario, por exemplo, corrixir erros no expediente, en cuestións como algúns oferentes que continúaban no proceso malia ter desistido do mesmo, así como outras cuestións como resolver recursos pendentes, presentados no momento da II fase.
A presidenta insistiu na necesidade de que no proceso “impere a prudencia, a seguridade xurídica e o rigor”, e anunciou a súa intención de convocar ao propio clube para traballar de xeito coordinado e con arranxo á legalidade, unha vez remate o proceso e se teña identificado aos socios.
COMISIÓN ORZAMENTOS 2016
Elena Candia anuncio que o Goberno provincial xa está a traballar na elaboración dos orzamentos da Deputación para 2016. Neste senso, a presidenta deu conta da futura creación dunha comisión na que, por vez primeira, estarán presentes os grupos da oposición.
Con este propósito, tamén avanzou o comezo da rolda de xuntanzas coas asociacións de carácter máis social da provincia para a elaboración deste orzamentos, pola prioridade que o Goberno provincial está a dar ao benestar de todos os lucenses. Estas xuntanzas continuarán coas que manterá con agrupacións culturais, deportivas, e cos Concellos, “porque eles saben mellor cales son as necesidades dos seUs veciños”.

AXUDAS PESCA
A presidenta tamén informou que as axudas para as Cofradías da provincia, aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres, están publicadas no BOP de hoxe.
Candia lembrou que trátase de 95.285 euros que o Organismo provincial destina ás Cofradías da provincia logo de que estas solicitaran axudas para o sector pesqueiro. Trátase de subvencións a 33 propietarios de embarcacións de pesca de baixura.
A popular manifestou que deste xeito o 100% das solicitudes rexistradas que cumpriron os requisitos foron aprobadas e a maioría no total do importe da solicitude presentada.
Candia explicou que esta liña de axudas ten por obxecto o apoio ao sector pesqueiro de baixura coa mellora de embarcacións con porto base na Mariña Lucense e afirmou que é un exemplo máis do compromiso do PP co sector pesqueiro, “que xa tiñamos dende a oposición, e que queremos sacar adiante agora con responsabilidades de goberno”.