Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Navia de Suarna renovan a colaboración da Deputación coa Festa da Androlla

Darío Campos e José Fernández asinaron o convenio de colaboración para a celebración da XXVI edición da Festa da Androlla

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, asinaron este martes o convenio de colaboración para a celebración da Festa da Androlla de 2016 que, coma todos os anos, terá lugar o domingo de Entroido, sendo nesta ocasión o 7 de febreiro.

O organismo provincial, que colabora con esta cita dende 2008, achega ao municipio 1.500 euros para a organización da edición XXVI da Festa da Androlla. Trátase dun festexo que pon en valor os produtos tradicionais, impulsa as empresas do sector cárnico da zona, contribúe a desestacionalizar o turismo no rural e dinamiza a economía local . É capaz de reunir a 2.000 persoas no municipio e acadar unhas vendas de máis de 5.000 androllas, como o fixo na pasada edición.