Deputación de Lugo

A TIC solidarizase coa campaña Ningún Árbol Vacío a primeira da asociación lucense Bonhomía

-Técnicos e bolseiros da TIC realizarán un anuncio para internet e reportaxes da iniciativa que tenta levar aos nenos de familias sen recursos o agasallo que piden aos Reis Magos 
-Con esta colaboración, a Fundación TIC suma un novo apoio ás organizacións sen ánimo de lucro da provincia co fin de promover o seu labor social, e a inserción laboral dos alumnos e titulados da EIS

A Fundación TIC suma un novo apoio ás organizacións sen ánimo de lucro da provincia, coa realización da campaña “Ningún Árbol Vacío”, da asociación Bonhomía. A entidade estréase con esta iniciativa, para que todos os rapaces de Lugo teñan un regalo este Nadal. Un equipo de profesionais e bolseiros da TIC gravaron varias secuencias dun anuncio publicitario, coa participación de nenos e persoas maiores, na praza Maior de Lugo. Unha vez editado, Bonhomía difundirá o spot na súa páxina web, www.bonhomia.org , e nas redes sociais.

A colaboración da TIC complementarase coa realización de reportaxes sobre o desenvolvemento da campaña coa que o colectivo procura a solidariedade dos lucenses.
Pasos a seguir
Para participar na campaña é preciso rexistrarse na páxina web de Bonhomía. Una vez feito, a persoa colaboradora recibirá a carta que un neno ou nena, dunha familia sen recursos económicos escribiu aos Reis Magos, dende Lugo. O seguinte paso é mercar o seu regalo, cun custe inferior aos 30 euros, e levalo a un dos moitos puntos de recollida sinalados pola asociación.
 
O día 6 de xaneiro, os rapaces recibirán os agasallos que pediron as súas maxestades, grazas á complicidade dos cidadáns que colaboren para que se cumpra o obxectivo de “Ningún Árbol Vacío”.  

A difusión social da  TIC
A achega de TIC é froito do convenio que ven de asinar con Bonhomía, para promover o seu labor de loita contra as desigualdades socioeconómicas, culturais, de xénero ou de calquera tipo, no ámbito da nosa provincia. O colectivo recen creado  persegue tamén a participación cidadán na defensa e procura dunha vida digna dos sectores mais vulnerables da poboación. 

Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.