Deputación de Lugo

InLugo cobre nunha soa mañá o 75% das prazas dos 16 novos cursos gratuítos para maiores

Imaxe deputación de lugo
- A alta demanda dos cursos de novas tecnoloxías para maiores 55 anos organizados pola Deputación de Lugo reflectiuse en que máis de 150 persoas se inscribiron na mesma mañá en que se abría o prazo - As 16 actividades formativas terán lugar nas instalacións do InLugo e participarán un total de 203 alumnos entre os meses de xaneiro e marzo

A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición para os novos cursos do InLugo, destinados a fomentar o envellecemento activo. Na primeira mañá cubríronse o 75% das prazas, o que dá conta da alta demanda que teñen estes cursos impartidos polos traballadores da Fundación TIC. Neles, as persoas maiores de 55 anos aprenden a desenvolverse coas novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida, estimular a memoria e traballar diversas habilidades. Serán un total de 16 cursos, nos que se formarán 203 persoas entre os meses de xaneiro e marzo.

Os cursos teñen as seguintes temáticas:
-          Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador (2 edicións)
-          Taller de memoria TicTac Lugo. Enriquecendo a memoria do pasado (3 edicións)
-          Que son as redes sociais: descobre Facebook (crea o teu propio perfil nas redes sociais)
-          Mantemos en forma o cerebro coa Wii
-          Copia os teus arquivos
-          Atréveste con Internet? Axudámosche (2 edicións)
-          Ximnasia mental coa Tablet
-          Escribe no teu ordenador empregando un editor de texto
-          Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa Tablet
-          O carteiro en internet: que é o correo electrónico
-          Organízate co teu móbil
-          Exercicio mental co ordenador
-          e Avanza e coñece todo o que poidas facer co teu smartphone

Quedan prazas en catro deles, concretamente en: Taller de memoria TicTac Lugo, Mantemos en forma o cerebro coa Wii, Atréveste con Internet? Axudámosche e Ximnasia mental coa Tablet. As persoas interesadas poden anotarse acudindo ás propias instalacións do InLugo, chamando ao 982-22-51-86 ou na web da Fundación TIC.