Deputación de Lugo

A Deputación aproba o convenio para garantir a continuidade dos GES durante o período 2016-2018

- A Deputación xa ten comprometida unha partida de 350.000 euros para a continuidade desta prestación, que  permitirá manter 80 postos de emprego dos traballadores dos 7 grupos de emerxencia supramunicipal - A Xunta de Goberno aprobou unha colaboración de 100.000 euros da Deputación coa USC, para incentivar 5 liñas do Plan de Impulso do Campus de Lugo - A Deputación aprobou outros 10 mellores expedientes que resultaron beneficiados doutras tantas bolsas, coas que o organismo provincial lles custea a matrícula no Campus de Lugo

A vicevoceira do goberno, Pilar García Porto, informou este luns que a Xunta de Goberno viña de aprobar o convenio das 4 Deputacións galegas, a Fegamp e a Xunta de Galicia para a continuidade dos GES durante o período 2016-2018. Tal e como establece o convenio, os GES están financiados nun 60% pola administración autonómica, nun 20% polos organismos provinciais e noutro 20% polos municipios.

“A Deputación de Lugo xa ten comprometida unha partida de 350.000 euros para a continuidade desta prestación os vindeiros 3 anos. Isto permitirá o mantemento de 80 postos de emprego, os dos traballadores dos 7 grupos de emerxencia supramunicipal  que se sitúan na Fonsagrada, Becerreá, A Pontenova, Monterroso, Cervo, Folgoso do Courel e Quiroga”, destacou García Porto.
                                                                                                    
A Xunta de Goberno aprobou unha colaboración de 100.000 euros da Deputación coa Universidade de Santiago de Compostela,  para continuar co Plan de Impulso do Campus de Lugo.

García Porto informou que se acordou achegar este orzamento ao desenvolvemento de 5 liñas do protocolo de actuación do organismo provincial e a USC en impulso do Campus lugués. As liñas son:

  • Plan de captación de estudantes doutras nacionalidades.
  • Desenvolvemento dun plan de apoio para as prácticas de campo.
  • Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías.
  • Impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos.
  • Análise das infraestruturas deportivas e docentes.

O teu esforzo ten premio en Lugo
A Xunta de Goberno aprobou outros 10 expedientes que resultaron beneficiados doutras tantas bolsas da Deputación, coas que se lle custean os gastos da matrícula no Campus de Lugo. Son concretamente 6 mellores expedientes de BAC que iniciaron este ano os seus estudos na USC en Lugo, e 4 mellores expedientes de Grao que están un cursar Máster tamén no Campus lugués.

Ben Empregado
A Deputación aprobou a resolución de 15 novas empresas e asociacións que ofrecen 17 postos de traballo na provincia de Lugo, a través do Ben Empregado. Estas empresas son agora beneficiarias logo de que outras tantas empresas presentaran as renuncias.