Deputación de Lugo

Alumnos da EIS presentan trece obras na VIII Semana do Teatro da Fundación TIC

- Durante tres días, porán en escena creacións propias que abranguen subxéneros como a comedia, o musical, o drama e por vez primeira monicreques  - Na actividade traballan en equipo tres módulos de estudo da EIS implicados na representación, dirección, produción e realización das pezas teatrais  

Alumnos de 1º e 2º de Realización e de 2º de Produción da Escola de Imaxe e Son (EIS) participan con trece obras na VIII Semana do Teatro da Fundación TIC. Dende este luns e ata o mércores, porán en escena creacións propias que abranguen subxéneros como a comedia, o musical, o drama e por vez primeira, espectáculo de monicreques.
O cartel da semana inclúe seis comedias “10 minutos”, “Café y atún”, “El gran Villano”, “Alcohólicos”, “Llámame e “Frágil”, de estilo romántico; dous musicais “La Titiribanda” e “El rey León”; o drama “Richard Hood”; a peza de crítica social “Pienso, luego resisto”; dúas ficcións “¿Dónde está mi inspiración? e “A flor de piel”; e, a novidade deste ano, unha adaptación de contos clásicos con marionetas que confeccionaron e manexan os estudantes titulada “Mundo animado”.

Proxecto en equipo
Na actividade traballan en equipo tres módulos de estudo da EIS implicados na representación, dirección, produción e realización das pezas teatrais. Os alumnos de Planificación da Rexedoría e de Xestión de Espectáculos e Eventos representan as obras que eles mesmos escriben e dirixen, mentres os de Procesos de Realización de Televisión se encargan da gravación e realización, no plató  do Centro de Produción de Programas da TIC.

O certame teatral é un proxecto educativo da EIS que combina a formación teórica e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vincular directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias da industria audiovisual.