Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación disposto a financiar os 500.000 euros da Xunta para a Residencia de Maiores de Ribadeo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Antonio Veiga, mantiveron este venres un encontro co Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia; a Concelleira de Benestar, Sonia Meilán Vizoso; co voceiro municipal do PSOE, Roberto Ramos; e a voceira de Ciudadanos, Marta Saiz García; é dicir, con todos os representantes políticos do Concello ribadense agás o do PP, que rexeitou sumarse a esta reunión; así como cos representantes da Plataforma de Veciños en defensa da Residencia de Ribadeo, José Antonio Ares Taboada e José María Rodríguez Díaz.

O motivo desta reunión foi abordar xunto ao Presidente a situación na que se atopa o centro de maiores ribadense, un proxecto financiado pola Deputación con 1,8 millóns de euros e para o que a Xunta comprometeu 500.000 euros.

Tal e como se explicou no encontro, a administración autonómica mantén bloqueado este investimento, pois impuxo tales esixencias ao Concello de Ribadeo que os propios técnicos municipais valoraron que “resulta de todo improbable a posibilidade de obter esta subvención”, segundo se extrae do informe técnico.

Ante esta situación, Campos Conde comprometeuse a financiar dende a Deputación de Lugo estes 500.000 euros no caso de que a Xunta de Galicia non o faga de xeito inmediato.

O Presidente e o Vicepresidente remarcaron a necesidade de que todas as administración traballen conxuntamente para impulsar proxectos imprescindibles para os cidadáns, como é o caso da demandada residencia de maiores de Ribadeo.