Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Volta Ciclista a España 2016 para promocionar a provincia

Imaxe deputación de lugo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este sábado no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela na presentación da Volta Ciclista a España 2016, coa que colabora o organismo provincial para promocionar a provincia. Dario Campos destacou que “é unha oportunidade económica para a nosa provincia, pois esta cita deportiva move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa e congrega a máis de 1.400 xornalistas de todas as partes do mundo. Lugo ten moito que ensinar”.

A volta, que chega xa a súa 71 edición, atravesará de norte a sur a provincia lucense o 24 e 25 de agosto. Concretamente, o día 24 comezará a etapa número 5 no Concello de Viveiro e finalizará na cidade de Lugo. Posteriormente, o 25 arrancará de Monforte de Lemos a 6 etapa, que rematará en Luíntra e que atravesará a Ribeira Sacra.

A Volta Ciclista a España move a máis de 20.000 espectadores por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas nas cidades de chegada, e mostrará a provincia de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes, é dicir, practicamente en todas as partes do planeta. Ademais, a cita estará cuberta por máis de 1.400 xornalistas de lugares como Alemaña, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Camerún, Canadá, Colombia ou Costa Rica, entre moitos outros.

Tal e como indicaron os organizadores do evento, a repercusión online do evento é indiscutible, pois a páxina web oficial da Volta ten 3,7 millóns de visitantes únicos de todas as partes do mundo e conta tamén con máis de 165.000 seguidores en Facebook e 175.000 en  Twitter, cifras que aumentan mes a mes, o que garante unha ampla difusión do evento e, polo tanto, da provincia de Lugo.