Deputación de Lugo

100 estudantes do Colexio Vista Alegre de Burela, xunto aos alumnos Erasmus, visitan a Deputación

O Deputado de Participación Cidadá, Pablo Rivera Capón recibiu este venres na Deputación aos 100 estudantes do Colexio Vista Alegre de Burela e aos alumnos de intercambio que os acompañan procedentes de Bélxica, Finlandia, Grecia, Irlanda e Rumania, xunto con 20 profesores.

Rivera Capón deulles a benvida ao Pazo de San Marcos e agradeceu a visita dos estudantes. “Esta institución que visitades tamén é a vosa casa. Hoxe estades aquí 100 alumnos con 20 profesores de 5 países europeos, esta pequena visita representa o importante que é investir en educación. Aquí hai estudantes de Bélxica, Finlandia, Grecia, Irlanda e Rumania, e estades de intercambio nun pequeno concello da Mariña de Lugo, Burela. Representades o que é a glozalización, o intercambio, o futuro e o coñecemento. Por iso apostar pola educación é un garantia clave de éxito e de futuro”.

O Deputado convidou aos estudantes a seguir estudando, traballando e a seguir aprendendo para construír entre todos un mundo e un futuro mellor. Por último desexoulles a todos unha boa e frutífera estancia na nosa provincia.

Os profesores convidados tomaron palabra para agradecer a hospitalidade do organismo provincial, e incluso algún alumno tamén interveu para contar en primeira persoa como esta vivindo esta experiencia de intercambio educativo na nosa provincia.

A visita dos estudantes polo Pazo Provincial continuou polo Salón de Plenos, a Sala de Exposicións e os xardíns de San Marcos.

Ademais da Deputación, os alumnos continuarán o seu percorrido por Lugo visitando a Muralla, o entorno do río Rato e pola tarde estarán no municipio de Pedrafita do Cebreiro.