Deputación de Lugo

O InLugo súmase ao 15 aniversario da Muralla Patrimonio da Humanidade cun obradoiro de fotografías do monumento

-As fotos estarán expostas ata o 8 de decembro na carpa que o Concello ten detrás da Casa Consistorial baixo o título “Tende e colga” en horario de 16:30 a 20:30-A iniciativa está aberta a todas as persoas de máis 55 anos, que poderán colgar as súas instantáneas da muralla no set do InLugo-Santos dixo que “con esta iniciativa unimos a homenaxe á muralla co fomento do uso das novas tecnoloxías e a creatividade dos nosos maiores”

O InLugo, o Centro de Innovación Social que xestiona a Fundación TIC, súmase á conmemoración do décimo quinto aniversario da muralla como ben Patrimonio da Humanidade cun obradoiro de fotografías do monumento e unha exposición de instantáneas feitas por maiores de 55 anos. As fotos poderán verse ata o 8 de decembro na carpa “Tende e colga” instalada polo Concello de Lugo detrás da Casa Consistorial, que estará aberta ao público de 16:30 a 20:30 horas.

O patrón da TIC Álvaro Santos visitou esta tarde o taller fotográfico de dúas horas, no que usuarios do InLugo aprenderon a fotografar con dispositivos móbiles e corrixir as imaxes antes de imprimilas e expoñelas na zona destinada ás obras realizadas polos maiores.

Santos subliñou que “con esta iniciativa unimos a homenaxe ao noso monumento máis emblemático coa posta a disposición dos nosos maiores dos medios e as habilidades necesarias para o emprego de novas tecnoloxías que forman parte da nosa vida cotiá, como é a realización de fotos con móbiles ou tabletas”. Ademais engadiu que “fomentamos a súa creatividade e autoestima”.

Fóra e dentro
O representante da TIC destacou que “esta iniciativa esténdese a todos os maiores da provincia, non só aos usuarios do InLugo, xa que todas as persoas de máis de 55 anos interesadas en amosar as súas fotografías da muralla poderán expoñelas no set que o InLugo ten habilitado en “Tende e colga”.

Tanto o taller como a exposición forman parte do programa “Fóra e dentro” do InLugo, que incluirá diversas actividades relacionadas coas novas tecnoloxía nunha festa de Nadal, o 22 de decembro, coa que se porá fin ao primeiro trimestre de cursos e obradoiros da tempada. Esta iniciativa estará aberta a todos os maiores da provincia.