Deputación de Lugo

Campos solicita a Feijóo un encontro no que “abordar solucións conxuntas ás necesidades dos lucenses”

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente da Deputación de Lugo enviou este luns unha carta ao Presidente da Xunta de Galicia pedíndolle unha reunión de traballo para acordar colaboracións -  Campos pide a Feijóo garantir o acceso universal á rede pública de residencias e centros de día cun convenio de Xunta e Deputación que permita ofrecer prazas públicas en centro de maiores públicos (ENGÁDESE A CARTA AO TEXTO DESTA NOTA DE PRENSA)

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, remitiu este luns unha carta ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitándolle unha reunión de traballo, na que “abordar as preocupacións dos lucenses e acordar colaboracións entre as institucións que temos a honra de presidir”. Tendo en conta os compromisos que Feijóo apuntou no Parlamento galego para este mandato, Campos pídelle que un dos principal temas a tratar neste encontro sexa a colaboración entre ambas as dúas administracións na rede pública de residencias e centro de día da Deputación nos Concellos da provincia.

A carta apunta textualmente:
En primeiro lugar, como Presidente da Deputación de Lugo, quero trasladarche, no meu nome e no de toda a Corporación Provincial, a noraboa pola túa toma de posesión como Presidente da que é a principal administración galega. 

Comeza a décima lexislatura da Xunta de Galicia, e agardo que con ela, tal e como aseguraches no Parlamento, “un tempo novo”, baseado no “diálogo”, na “unidade” e no “consenso”, no que o Goberno que presides “tende a man a todos” para “traballar xuntos” e ofrecer “solucións conxuntas” aos cidadáns.

Non perdamos o tempo. Os veciños da provincia de Lugo cómpren de solucións conxuntas por parte das súas administracións. Por iso, solicítoche un encontro, unha reunión de  traballo, na que abordar as principais preocupacións dos lucenses e acordar colaboracións entre as institucións que temos a honra de presidir.

Permítame que continúe a facer alusión ás túas recentes verbas na Cámara galega, onde subliñaches que este mandato ía a ser “o do rural”; onde a túa “principal preocupación” ían ser “as persoas que máis sofren”; onde un dos teus principais obxectivos ía ser a “mellora dos servizos públicos”; ou onde un dos teus compromisos ía a ser a creación de “prazas públicas para os maiores”.

Baixo estas premisas, Lugo, unha provincia eminentemente rural, cunha alta porcentaxe de maiores que requiren de servizos públicos de calidade para a súa atención, e cun elevado grao de dispersión, ten que estar no centro da folla de ruta da Xunta de Galicia neste “tempo novo”.

Como sabes, na Deputación de Lugo continúamos a traballar na posta en marcha dunha rede pública de residencias e centros de día nos Concellos. Trátase dun proxecto que potencia o rural, pois levamos estas instalacións públicas aos municipios, dinamizando a súa economía; un proxecto para as persoas que máis o necesitan, os nosos maiores, aos que lles ofrecemos esta prestación preto das súas casas; un proxecto que impulsa os servizos públicos, pois está xestionado pola Deputación de Lugo; e un proxecto que require de prazas públicas a través de convenios de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, para, verdadeiramente, impulsar os servizos públicos e garantir o seu acceso universal.

Só traballando xuntos poderemos garantir que os maiores desta provincia, que teñen unhas das pensións medias máis baixas de España, poidan acceder a estas instalacións públicas.

Por todo isto, agardo que, canto antes, poidas recibirme para tratar esta e outras cuestións de vital importancia para os veciños desta provincia.

Como non podía ser doutro xeito, tamén poño a túa disposición as instalacións desta Deputación de Lugo para manter, coa máxima axilidade, esta reunión de traballo.