Deputación de Lugo

Recollidos na Deputación 3.000 quilos de alimentos e de roupa para refuxiados

- Santos Ramos agradeceu aos lucenses “os 11 palés de compromiso e solidariedade” con destino aos campos de refuxiados das Illas de Quios e Samos, en Grecia, e de Alepo, en Siria - O Goberno Provincial cedeu o espazo das aulas de formación da Deputación para o almacenamento de roupa e dos alimentos, e as caixas necesarias para o transporte, ademais de colaborar persoalmente coa clasificación e embalaxe de todo o material

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, agradeceu este mércores aos lucenses a colaboración prestada durante os últimos dous días nos que o Goberno da Deputación levou a cabo, nas instalacións do Pazo de San Marcos, unha recollida de roupa e alimentos para refuxiados a través da ONG Familias para la Paz. 

Santos Ramos destacou que “dende a Deputación queremos agradecer ás centos de persoas que fixeron a súa aportación para que a ONG Familias para a Paz poida levar aos refuxiados máis de 3.000 quilos de alimentos e de roupa. Son 11 palés de agradecemento, de compromiso e de solidariedade, que amosou a cidadanía de Lugo e que, dende logo, nós fan unha provincia máis sana, máis humana e na que hai esperanza de crer nas persoas”.

Os lucenses doaron durante os dous días que durou a campaña de recollida de roupa e de alimentos un total de 11 palés de material. En concreto, foron 10 de roupa (2.500 quilos) e 1 de víveres (500 quilos). A campaña, promovida pola ONG Familias para a Paz, obtivo unha resposta rápida e masiva dos lucenses, que se achegaron ás dependencias da Deputación para facer as súas doazóns e interesarse pola loxística e o envío do material.

A Deputación cedeu o espazo da Aula de Formación para o almacenamento do material, así como as caixas de embalaxe para o seu transporte, ademais de axudar persoalmente na recolecta, pois, unha vez finalizada a campaña de recollida, un equipo de voluntarios encargouse de distribuír e clasificar en caixas todo o material.

Dende Lugo, o cargamento será trasladado ao porto de Valencia e dende alí será enviado a Tesalónica, en concreto ás Illas de Quios e de Samos (Grecia) e aos campos de Alepo (Siria).

Familias para a Paz
Familias para a Paz (Families 4 Peace) é unha pequena organización sen ánimo de lucro que agrupa profesores. Contan coa colaboración da Fundación Seur, que se encargará do traslado ao porto de Valencia; e no terreo, teñen de contraparte á ONG Team Humanity, que será a que distribúa os alimentos e a roupa entre os refuxiados.