Deputación de Lugo

Deputación e Xunta acordan a creación dunha mesa de traballo para impulsar os Camiños

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Promoción Turística e do Territorio, Eduardo Vidal Baamonde, mantiveron un encontro coa Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, no que acordaron a creación dunha mesa de traballo para potenciar os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.

A creación desta mesa inclúese dentro do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, que pretende definir as liñas xerais e actuacións prioritarias para atender, con criterios de excelencia, ao Peregrino do ano 2021.

A proposta que Turismo trasladou á Deputación de Lugo foi que nesta mesa de traballo participasen Xunta, Deputación e Concellos, e que se encargue de definir as actuacións a levar a cabo nos Camiños Norte e Primitivo, xa que o Francés está actualmente xestionado pola mancomunidade de Municipios deste Camiño.

Darío Campos propuxo que a mesa fose máis participativa, integrando nela a axentes privados e públicos da zona, por exemplo asociacións ou establecementos. Asimesmo, tamén considerou que debía haber, canto menos, un representante da mancomunidade do Camiño Frances.

Outra das propostas do Presidente foi a necesidade de incluír os Camiños de Inverno e do Mar, para pór en valor os máis de 800 quilómetros de rutas de peregrinación que transcorren pola provincia.

As propostas foron ben recibidas pola administración autonómica e acordouse que a Deputación de Lugo abra esta mesa de traballo, así como que se traballe en prol dos Camiños Norte, Primitivo, Francés e de Inverno.

Ao respecto do Camiño do Mar, a Xunta asegurou que estudará a proposta de Campos Conde. De feito, o Presidente entregoulles un exemplar do libro editado pola Deputación o “Camiño do Mar”, sendo a única publicación destas características que existe sobre esta ruta de peregrinación que transcorre pola Mariña.