Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo conmemora o Día da Árbore cos alumnos do Colexio de Cervantes

- O ente provincial entregou 123 árbores aos centros educativos da provincia para celebrar este data - Sonsoles Lopez Izquierdo remarcou que na Semana da Árbore e da Auga “participaron máis de 50.000 os nenos e nenas, nas que se plantaron máis de 500 árbores autóctonos” -Maria Loureiro, participou, cos nenos e nenas do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo na súa xornada medioambiental

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participou este venres, na plantación de catro castiñeiros no centro CEIP Cervantes, para conmemorar a Semana da Árbore e da Auga, que o ente provincial celebra por quinto ano consecutivo. A Deputación de Lugo entregou 123 árbores, dentro da semana de actividades que organiza, aos centros educativos da provincia para conmemorar esta data.

O acto da plantación dos castiñeiros no Colexio de Cervantes, serviu para conmemorar o décimo aniversario da Declaración como Reserva da Biosfera de Terras do Miño e Ancares, ao que pertence este concello. Este centro educativo conta na actualidade con 50 árbores, entre cerdeiras, castiñeiros, bidueiros e árbores frutais. Os 50 alumnos deste centro educativo bautizaron as árbores , os estudantes de infantil puxéronlle o nome de Castañita, os de primaria, Sole e Guacaio, e os de secundaria, Chismosa.

A deputada remarcou “a importancia de que os nosos rapaces sexan conscientes dende pequenos da necesidade de preservar o medio ambiente, comezando polo seu hábitat máis próximo. Estamos convencidos de que esta é unha obriga que temos dende as institucións”.

López Izquierdo lembrou que “preto de 15.000 nenos e nenas de infantil e primaria de 103 colexios públicos da provincia participan nos actos que organiza a Área de Medio Ambiente da Deputación e que se celebrarán de xeito simultáneo en toda a provincia entre os días 14 e 18 de marzo”.

A responsable da Área de Medio Ambiente remarcou “o interese que esperta este tipo de iniciativas pois, dende a súa posta en marcha foron xa máis de 50.000 os nenos e nenas que participaron nas actividades, nas que se plantaron máis de 500 árbores autóctonos”.

Nestas 5 edicións, nenos e nenas da provincia plantaron xa máis de 500 árbores, entre os que destacan carballos, bidueiros, loureiros, acivros e, este ano, castiñeiros.

Actos das xornadas
Durante esta semana de conmemoración nenos e profesores recibirán dous contos alumnos darán lectura ó libro de contos “Érase unha vez un castiñeiro” e “O Castiñeiro dos desexos”, elaborados polo escritor e xornalista Xose Antonio Perozo.

De xeito paralelo a estas actividades propostas polo ente provincial, os profesores contan coa Guía do profesorado, na que figura unha unidade didáctica que lles será moi útil á hora de organizar outro tipo de actividades nas aulas, coma xogos, manualidades ou experimentos para complementar esta xornada.

Prantación en Ribadeo
A Deputada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro, participou, xuntos cos nenos e nenas do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, na celebración do Día da Árbore e da Auga, que organiza Voz Natura. Loureiro agradeceu este tipo de iniciativas “xa que son fundamentais para concienciar, educar, e visibilizar o traballo que entre todos podemos facer polo medioambiente”, resumiu.