Deputación de Lugo

A Deputación promociona a Mariña colaborando coa saída da Volta a España dende Viveiro

- Darío Campos, María Loureiro, Javier Guillén e Raquel Arias presentaron a 5ª etapa desta proba, que se celebrará o 24 de agosto con saída na localidade de Viveiro e que conta cun percorrido de 170 km - Segundo os propios datos da organización, teñen previsto que se movan nesta xornada arredor de 140.000 euros en gastos como hoteis, transportes, gasolinas ou consumos propios - Esta cita move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa e congrega a máis de 1.400 xornalistas de lugares como Alemaña, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Camerún, Canadá, Colombia ou Costa Rica, entre moitos outros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o Director de la Vuelta Ciclista a España 2016, Javier Guillén, e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron este mércores a 5ª etapa desta proba deportiva que ten como saída o concello viveirés. O 24 de agosto terá lugar a saída neutralizada ás 13:10 horas dende o camping de Viveiro e continuará por  Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Meira, Pol, Castro de Rei e Lugo.

Campos Conde sinalou que o organismo provincial colabora neste evento deportivo cunha aportación económica de 55.000 euros e remarcou “que esta cifra é un investimento para promocionar o conxunto da provincia, pois a Vuelta transcorre as zonas norte, centro e sur da provincia”. Ademais de ditos Concellos, outra das etapas sairá da cidade de Lugo e chegará ata Monforte de Lemos, atravesando máis municipios da provincia

O Presidente dixo que a volta ciclista España “será un escaparate único e especial, asi como unha oportunidade económica  para  toda a provincia de Lugo, coa que amosar as nosas paisaxes, o noso patrimonio cultural, arqueolóxico e artístico ou co que desfrutar da nosa apreciada gastronomía”. Remarcou que esta cita move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa e congrega a máis de 1.400 xornalistas de lugares como Alemaña, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Camerún, Canadá, Colombia ou Costa Rica, entre moitos outros.

A volta, que celebra a súa 71 edición, atravesará de norte a sur a provincia lucense o 24 e 25 de agosto. Concretamente, o día 24 comezará a etapa número 5 no Concello de Viveiro e finalizará na cidade de Lugo. Posteriormente, o 25 arrancará de Monforte de Lemos a 6 etapa, que rematará en Luíntra e que atravesará a Ribeira Sacra.

Oportunidade mediática excepcional
Pola súa banda, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, agradeceu á organización do evento o interese e o esforzo por facer posible a celebración desta etapa ciclista na vila. Lembrou ademais que “non só se benfeciará Viveiro, senón toda a Comarca da Mariña, xa que a publicidade que xera este evento deportivo é mundial”. Ademais, remarcou o revulsivo económico que vai supor na Mariña, “xa que, segundo os propios datos da organización, teñen previsto que se movan arredor de 140.000 euros en gastos como hoteis, transportes, gasolinas ou consumos propios”.

Loureiro dixo que Viveiro estará preparada para recibir esta cita deportiva tan importante “que espera ilusiónante e con moitas expectativas para a economía local”. Sinalou que esta será unha oportunidade mediática excepcional para prromocionar Viveiro.

Javier Guillen, Director de la Vuelta España 2016, señalou que a saída da etapa “se convierte en una auténtica fiesta del ciclismo, donde los espectadores pueden interrelacionarse con los deportistas. Es un verdadero espectáculo y una oportunidad única para disfrutar del ciclismo en vivo y en directo”. Explicou que disputarán a proba 22 equipos, cos mellores ciclistas da tempada.

5ª etapa cualificada como llana , conta cun percorrido de 170 km
A 5ª etapa desta volta, con saída no centro de Viveiro, é cualificada pola organización como unha etapa “llana”. Conta cun percorrido de 170 km e percorrerá lugares emblemáticos da Mariña. Cabe lembrar que a cidade do Landro xa acolleu unha etapa desta proba ciclista, no ano 2007. Naquela edición, realizouse o percorrido de Viveiro a Luarca, o 3 de setembro.

Repercusión nas redes sociais
Dende a organización da Volta Ciclista España sinalan que a repercusión online do evento é indiscutible, xa que a páxina web oficial da Volta ten 3,7 millóns de visitantes únicos de todas as partes do mundo e conta tamén con máis de 165.000 seguidores en Facebook e 175.000 en  Twitter, cifras que aumentan mes a mes, o que garante unha ampla difusión do evento e, polo tanto, de toda a provincia de Lugo.