Deputación de Lugo

COMUNICADO OFICIAL DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Imaxe deputación de lugo

1.- Segundo a información que transcende nos medios de comunicación, aportada polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, estáselle a atribuír accións do Goberno Provincial de Francisco Cacharro na Deputación de Lugo (1983-2007) ao Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro (2007-2015).

Todas as viaxes ás que se fan referencia como, por exemplo, Crucero Rhin, Euro-Disney India, Ámsterdam, son anteriores ao 2006, é dicir, baixo a Presidencia do Partido Popular na Deputación de Lugo.

É mais, baixo a Presidencia de Gómez Besteiro, o Goberno Provincial anulou a partida de viaxes para funcionarios e fillos de funcionarios que ata entón (co Partido Popular) había na institución. Polo tanto, durante a etapa de Besteiro non se subvencionaron ningún tipo destas viaxes.

2.- Con respecto ao gasto social. Hai que lembrar que o gasto social se trata dunha partida para axudas a funcionarios ou fillos de funcionarios, que compensan gastos non cubertos pola Seguridade Social, ou axudas para a compra da primeira vivenda, gardería e estudos. A maioría das administracións públicas e, dende logo, todas as Deputacións de Galicia, teñen axudas desta natureza.

No caso da Deputación de Lugo, o gasto social están sustentados no Convenio Colectivo de Persoal Laboral (publicado no BOP DO 30-08-90) e no Acordo Marco do Persoal Funcionario (publicado no BOP do 31-01-91). Foron aprobados polo Pleno Provincial coa maioría absoluta e a presidencia do PP no Goberno da Deputación de Lugo.

Coa entrada do Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro (2007), iniciouse unha política de racionalización do gasto pola que se reduciron progresivamente estes custos (que se mantiveron tamén na etapa de Elena Candia na presidencia da Deputación e ata a actualidade).

É dicir, dende 2007, sen suprimir ningún dereito, recortáronse gastos superfluos e reducíronse conceptos, como as citadas viaxes.

Isto supuxo que no ano 2015, logo de 8 anos do Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro, estes custos (gasto social) reducíronse nun 50%.