Deputación de Lugo

Cortada ao tráfico a LU-P-2207 ao seu paso por Xermade

O operativo despregado, formado por 22 operarios, 8 palas mixtas, 4 motoniveladoras, diverso material de achique, motoserras e vehículos de descombro, continúa a traballar na LU-P-2202 en Roupar, no Concello de Xermade, para evitar inundacións nas vivendas

Cortada ao tráfico a estrada provincial LU-P-2207, punto quilométrico 3, ao seu paso por Xermade debido a acumulación de auga existente nesta vía logo das intensas choivas producidas polo temporal que, arestora, está a afectar á provincia lucense.

Os Concellos máis afectados polo temporal son: O Vicedo, Viveiro, Xove, Burela, Cervo, Ourol, Muras, Xermade, Valadouro, Foz, Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá.

O operativo está composto por 22 operarios, 8 palas mixtas, 4 motoniveladoras, diverso material de achique, motoserras e vehículos de descombro.

Os medios da Deputación continúan a traballar na LU-P-2202, ao seu paso por Roupar, en Xermade, para evitar que a acumulación de auga chegue ás vivendas da zona.

O organismo provincial manterá activado o operativo durante toda a xornada por se se rexistran, durante as vindeiras horas, novas incidencias relacionadas coa neve ou a choiva. Recoméndase circular con precaución nos Concellos máis afectados polo temporal e, de ser posible, reducir ao mínimo os desprazamentos.