Deputación de Lugo

Guitiriz acolle a estrea da curta A Chave de Bascuas na que colabora a TIC da Deputación con medios técnicos e humanos

Imaxe deputación de lugo
- Darío Campos subliñou  que “colaboramos neste proxecto, unha idea orixinal do exalumno da TIC Bruno Pena, dentro da nosa aposta por apoiar as iniciativas emprendedoras dos nosos titulados” - A Chave de Bascuas, na que tamén colaborou o Concello de Guitiriz, contou cun equipo de 70 persoas, entre elas, varios titulados da EIS e os actores Xosé Barato e Fernando Morán - A Gala incluíu números de ilusionismo e música, a proxección dun making off , entrevistas aos nenos que actuaron na curta e un photocall inspirado nos anos 20

A curtametraxe A Chave de Bascuas, dirixida polo exalumno da TIC, Bruno Pena, estreouse este venres nunha Gala celebrada no Balneario de Guitiriz. O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, dixo que “desde un principio apoiamos este proxecto audiovisual que naceu da man de titulados da nosa Escola. Colaboramos tanto na rodaxe da curta como na organización desta Gala, coa achega de medios técnicos e a participación de profesionais, bolseiros e alumnos en prácticas”.

Darío Campos, que interveu na Gala xunto á Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, dixo que “na TIC sentímonos moi orgullosos de que mozos e mozas que pasaron pola EIS emprendan iniciativas coma esta. É o caso de Bruno, a “alma mater” deste proxecto, no que tamén están implicados de xeito moi activo outros tres titulados da TIC”. Neste senso subliñou que “ademais de talento, no eido audiovisual é fundamental ter iniciativa para que as ideas sexan unha realidade. Aí os nosos alumnos e exalumnos sempre contarán co noso apoio para axudalos a poñer en marcha os seus proxectos”.

A TIC na Gala
Ademais da rodaxe da curta, a TIC tamén participou na produción e organización da Gala da estrea cun equipo de profesionais e bolseiros, e achegou medios técnicos, como iluminación ou equipo de son. O acto incluíu números de ilusionismo e música, a proxección dun making off, entrevistas aos nenos que actuaron na curta e un photocall inspirado nos anos 20.

A chave de Bascuas forma parte dun proxecto fin de grao, no que estiveron involucradas varias empresas e un equipo de máis de 70 persoas. Un dos obxectivos da curta é dar a coñecer unha lenda case esquecida da bisbarra de Guitiriz, da que apenas hai información e que perviviu grazas ao boca a boca dos maiores de comarca.

Equipo técnico e artístico
O equipo técnico estivo formado por numerosos profesionais entre os que están catro antigos alumnos da EIS: Ashley Vázquez, encargada do guión coa supervisión de Mercedes Rodrigo; Jesús Silvosa, director de fotografía;  Cris López, no apartado de community manager, linguaxe e produción; e o propio Bruno Pena, do que partiu a idea orixinal. Polo que se refire ao equipo artístico, está formado por actores recoñecidos no mundo audiovisual e cunha ampla bagaxe: Xosé Barato, Fernando Morán e Carmen Conde.

A lenda de Bascuas
Segundo a lenda que recollerá a curta, cando unha persoa ou animal se vían afectados pola enfermidade da rabia podían curarse por medio dunha chave que se atopaba na capela de Bascuas, na parroquia guitiricense de San Salvador. Existían dúas chaves que se queimaban ata volverse incandescentes, para despois marcar na fronte á persoa afectada e, deste xeito, poder curala. Ademais, preto desta capela pode acharse outra pequena lenda, neste caso sobre unha fonte da Veiga, na que as persoas tiraban miolos de pan na auga. Se as migas flotaban, o desexo cumpríase e, se pola contra, afundían, a petición non sería a desexada.