Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación esixe á Xunta que mellore a LU-170 entre Cabreiros e Momán como comprometeu no 2011

Imaxe deputación de lugo
- O Executivo Provincial destaca que aínda que xa hai 5 anos o DOG publicou as melloras para esta vía o Goberno galego non executou ningunha - Trátase dunha estrada transitada polas 200.000 persoas da zona norte da provincia e que fai de acceso ao polígono de Xermade, que se atopa nun estado moi deficiente

O Goberno da Deputación presenta unha moción ao Pleno de mañá, na que esixe á Xunta de Galicia que execute ás melloras na estrada LU-170 entre os núcleos de Cabreiros e Momán, no Concello de Xermade, tal como se comprometeu a facer no 2011. O Executivo Provincial destaca, ademais, que estes traballos xa foron publicados no DOG número 35 do ano 2011. A través deste decreto o Goberno galego comprometeuse a levar a cabo as seguintes actuacións, ningunha delas executada:

- Construción dunha nova glorieta, que permita modificar a intersección entre a LU-170 coa LU-2205 a Miraz, e a LU-2213 co parque empresarial de Xermade.

- Definición de novos cambios de sentido.

- Mellora de interseccións existentes por medio de cuñas de cambio de velocidade.

- Reforzo do firme

Son uns 11 quilómetros os que están pendentes de melloras. Actualmente, o estado de firme e o ancho da LU-170 é moi deficiente e perigoso para o seu emprego.  

O Goberno da Deputación destaca que co arranxo deste vial beneficiaríanse, canto menos, as 200.000 persoas dos Concellos do norte da provincia e da Comarca de Santiago, dende Cervo ao Vicedo, que a empregan a cotío.

O Executivo Provincial remarca a necesidade destas obras tamén para potenciar o polígono de Xermade, pois esta estrada é a conexión directa a esta área industrial, que a día de hoxe non está desenvolvida polo “lamentable acceso de entrada á mesma”.