Deputación de Lugo

A Xornada de Nadal: Sons e Recordos xuntou un centenar de  maiores de 55 anos no InLugo

-A música foi a protagonista da festa que pechou as actividades organizadas, no último trimestre do ano, polo Centro de Innovación Social para achegar ás novas tecnoloxías aos veciños da provincia -O Presidente da Fundación TIC, Darío Campos entregou os premios do concurso O Apalpador TIC  froito dun obradoiro de fotografía dixital, que culminou cunha exposición das instantáneas - A xornada completouse cun taller de nutrición, e a realización de postais do Nadal coas imaxes dos participantes diante dun croma, e a exposición de instantáneas feitas polos alumnos

Un centenar de persoas maiores de 55 anos participaron na Xornada de Nadal: Son e Recordos celebrada, este martes 22 de decembro, no Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a Fundación TIC. Os asistentes tiveron ocasión de achegarse ás novas tecnoloxías a través da música, crear unha tarxeta para felicitar estas festas e recibir consellos sobre alimentación saudable dun xeito didáctico e lúdico.
 
O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, foi o encargado de entregar os premios aos tres gañadores do concurso-obradoiro O Apalpador TIC. O taller de fotografía dixital desenvolveuse este mes nas aulas do InLugo.  e foron os propios participantes os que elixiron as votaron a mellor fotografía do grupo.

A festa coa que culminaron as actividades do último trimestre de 2015 no InLugo incluíu un almorzo e unha merenda para por en práctica os consellos dados por unha experta en nutrición, no taller Nadal Saudable, que nos últimos días percorreu tamén varias localidades da provincia.

Exposición e premios
Durante toda a xornada permaneceu aberta a exposición do obradoiro-concurso O Apalpador TIC , que impartiu o fotoxornalista  José Luís Rodríguez “Pradero”, nas instalacións do InLugo.
Ao finalizar o taller, os propios participantes seleccionaron as fotografías colgadas na mostra. Entre elas, as tres premiadas que elixiu un xurado formado por profesionais do sector audiovisual. Como agasallo, os dous mellores fotógrafos recibiron un teléfono intelixente, e o terceiro unha pulseira de actividade.