Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo financia con 7.000 euros a compra de material deportivo para os equipos femininos do Club Val de Lemos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, acompañado do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinaron este xoves un convenio coa Presidenta do Club Baloncesto Val de Lemos, Ana Arias, para a compra de material deportivo para os equipos femininos desta entidade. A achega económica que realiza o organismo provincial é de 7.000 euros.

Campos Conde dixo que con esta axuda “impulsamos o deporte na Comarca de Lemos, nun Club que é un verdadeiro referente no deporte de base da nosa provincia”. O titular provincial recalcou que Clubs como o Val de Lemos “son vitais para o desenvolvemento social e deportivo da comarca de Lemos, xa que en dous anos este Club foi capaz de duplicar a súa canteira de deportistas”.

Arias cualificou esta axuda como “moi necesaria, xa que o importe que nos concede a Deputación case supón a metade do orzamento do Club”, que ronda os 15.000 euros. Sinala que o pretenden facer con esta subvención “é comprar material deportivo, como chándales, camisetas, mochilas, anoraks, para que os nosos deportistas poidan competir en igualade de condicións que o resto”.

Encontro cos xogadores
Campos, Santos, Tomé e Arias realizaron unha visita ó Club Baloncesto Val de Lemos no Pavillón I.E.S Río Cabe en Monforte. Alí asistiron aos adestramentos diarios que realiza o Val de Lemos e mantiveron un encontro cos xogadores que participan nas distintas categorías.

Ana Arias explicoulles o funcionamento do Club e as categorías nas que compite actualmente este equipo. O Club Val de Lemos conta cunha canteira de máis de 80 rapaces e rapazas, que van dende os 6 anos ata os 17 anos. Na actualidade, teñen 6 equipos que compiten nas categorías de benxamín mixto, alevín mixto, infantil masculino, infantil feminino, cadete masculino e cadete feminino. O Val de Lemos compite na liga da Comarca de Lemos e Ourense, por proximidade.