Deputación de Lugo

A Deputación presenta Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor de Xosé Lois Foxo

- Esta obra é un resume do extenso traballo de recollida do autor a máis de 300 persoas da comarca que lle transmitiron as cantigas que forman parte da tradición oral - Rivera Capón sinalou que “este libro contribúe á divulgación e recuperación do noso patrimonio inmaterial, pois déixanos un legado incuestionable a prol da nosa cultura” - Durante a presentación, a cantora de seitura e veciña de Quiroga, Argentina Rodríguez Pardo, interpretou varias cantigas que están incluídas dentro do libro

O Deputado Provincial, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves no CENTRAD da Deputación o libro Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor do escritor lucense Xosé Lois Foxo. Fíxoo xunto ao xornalista Xulio Xiz, o escritor Ricardo Locay Aira, e o xornalista Paco Rivera.

Rivera Capón sinalou que “este volume contribúe á divulgación e recuperación do noso patrimonio inmaterial, pois o grande traballo que realizou este veciño do Courel déixanos un legado incuestionable a prol da nosa cultura, ademais de ser un referente para os estudosos da musicoloxía galega”.

Ao rematar a presentación, a cantora de seitura e veciña de Quiroga, Argentina Rodríguez Pardo, interpretou varias cantigas tradicionais galegas que están incluídas dentro do libro Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor.

Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil Montañas do Lor
Este volume é un resume do extenso traballo de recollida do autor a máis de 300 persoas da comarca, que lle transmitiron as cantigas que forman parte da tradición oral desta comunidade. O libro contén un estudo antropolóxico, literatura de cordel, perfil dos informantes, creación apócrifa, fontes de información, transferencias e tradición, vínculos xenéticos, historiografía dos gaiteiros, documentación fotográfica, 4 CDs de audios, un DVD, e 500 cantigas.

En total, son catro horas de cantares populares e breves conversas coas persoas que os interpretan. A edición complétase cun DVD de sesenta minutos de gravacións no que se reproducen con imaxe e son as actuacións de varios intérpretes. O libro, de 570 páxinas, recolle as letras e partituras de numerosas pezas populares de diferentes xéneros, entre elas destacan polo seu número os cantares de Reis, dos que hai cerca de setenta. A obra tamén reúne cantares de seitura, de pastores ou romances, entre outras variantes. A este extenso acervo súmanse diversas pezas instrumentais que se encadran en xéneros tradicionais como a muiñeira. O libro ofrece ademais diversas informacións de carácter etnográfico e histórico sobre as tradicións musicais destes municipios.

O Cancioneiro antropolóxico de Quiroga, Ribas de Sil e Montaña do Lor é un paso máis no proxecto de estudo e recuperación da música tradicional da zona sur da provincia de Lugo que Xosé Lois Foxo iniciou hai xa varias décadas. Con anterioridade publicou Músicas do Courel, unha obra editada en tres volumes aparecidos en diferentes épocas, e posteriormente editou Os útimos brindeiros de Forgas, un libro-disco dedicado aos irmáns José e Álvaro Veloso Valcárcel, naturais do municipio da Pobra do Brollón, que mantiveron viva a tradición das coplas improvisadas.